Media hora de sesta e quinto penalti fallado

Salvarse sen apuros e antes de tempo? Non grazas, iso sería atentar contra a historia deste clube, abonado a sofrer até o último minuto (mesmo na época do SuperDépor con momentos agónicos como o penalti de Djukic ou a final interruptus de Copa co Valéncia). Dá a impresión de que así pensan os xogadores do Deportivo, que esta quinta feira desbaldiron unha magnífica oportunidade para selar a permanencia.

Borges
photo_camera Borges non é quen de se facer coa bola rexeitada após fallar o penalti

Unha vitoria face o Granada sumada co enésimo tropezo do Sporting (desta volta no Molinón fronte ao Málaga de Míchel, 0-1) tería significado virtualmente a salvación para a equipa de Mel. Pois non puido ser. E non puido ser porque a equipa tirou ao lixo os primeiros 30 minutos de xogo -contemplativos, hieráticos, con chumbo nas pernas- e porque no momento da verdade voltou a fallar un penalti, desta volta Borges, o quinto derramado dunha tempada aciaga desde os once metros. Non por acaso circula a brincadeira en Riazor de que o Dépor ten máis perigo botando un córner que tirando un penalti.

En realidade, o Deportivo saíu ao campo coa idea de que o fundamental era non perder. Non porque ese fose o plano de Pepe Mel -que se desfacía desde a banda a dar ordes aos seus futbolistas, impotente perante a inmobilidade dos seus-, senón porque o plantel esta tempada fai os esforzos xustos, xogándose todo a unha baza, a de que hai tres equipos nidiamente piores no torneo condenados por decreto ao descenso (Osasuna, Granada e Sporting).

Non por acaso circula a brincadeira en Riazor de que o Dépor ten máis perigo botando un córner que tirando un penalti

Mel fixo mudanzas significativas na equipa, devolveu a titularidade a Çolak e colocou Marlos como titular por banda esquerda. O colombiano foi do mellor do combo galego. Gañou peso e xa non perde sistematicamente no combate corpo a corpo cos zagueiros. Durante os primeiros 60 minutos foi o único futebolista do Dépor que tomou o partido realmente a serio, tamén porque se trataba dunha excelente oportunidade para se reivindicar perante treinador e freguesía. Cando exhausto foi substituído por Ola John, as bancadas premiaron o seu esforzo coa primeira ovación que se lle tributa en Riazor desde que chegou cedido por dúas tempadas desde as filas do Manchester City de Guardiola.

Na segunda parte, o Dépor puxo un chisco máis de intensidade e aí se viron as enormes carencias do Granada, unha equipa nidiamente de Segunda División. Non é que a equipa de Mel criase moitas opcións claras de bater Ochoa, mais si pairou a impresión sobre Riazor de que o gol era cuestión de tempo. Non chegou. Si apareceu o penalti, un parvo empurrón na área a Andone. Apañou a bola con seguranza para o lanzar Borges, o costarricense ao que Mel deu descanso no xogo contra o Valencia. Riazor contivo a respiración. O 22 do Deportivo optou por un disparo centrado, non moi forte. O porteiro venceuse ao seu pau direito, mais foi quen de repeler a bola cos pés. Borges, algo estático, apenas pelexou polo coiro rexeitado, a defensa antecipouse e aí acabou todo.

Naturalmente unha pergunta rolou a seguir polas bancadas, "pero estes tíos non ensaian os penaltis en Abegondo?", un vello cátedro sentenciou: "antes non nos pitaban penaltis, agora pítannolos porque saben que os imos fallar, así nos funden aínda máis", a verdade é que os anais non lembran nada parecido, cinco penas máximas erradas na mesma campaña, o eterno fatalismo branquiazul -o espectro do penalti de Djukic sempre no subconsciente colectivo- a se facer presente máis unha vez.

Cinco penas máximas erradas na mesma campaña, o eterno fatalismo branquiazul -o espectro do penalti de Djukic sempre no subconsciente colectivo- a se facer presente máis unha vez

Na contabilidade fría, o Dépor consumiu unha xornada máis (fican só por diante 8 capítulos a esta liga) e incrementou nun ponto a súa vantaxe sobre o antepenúltimo, o Sporting.

A renda é agora de 6 pontos (28 face 22). Como queira que o Dépor ten ao seu favor o gol average, a equipa coruñesa só descería se o Sporting é quen de sumar 7 pontos máis que os galegos no que fica de campionato (non parece probábel dado o seu desempeño ao longo de todo o curso). Nestas contas da leiteira non contamos nen co Leganés nen co Málaga, que están aí tamén na pelexa, mais que parecen en mellor estado de forma que a equipa galega.

Na rolda de imprensa após o partido, un zangado Pepe Mel criticou o papel dos seus no primeiro terzo do partido. "Botaron unha sesta a primeira media hora", dixo. Cravouno.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Borges, Guilherme, Carles Gil (Bruno Gama, min. 57), Emre Çolak, Marlos Moreno (Ola John, min. 74) e Andone.

Granada CF: Ochoa, Foulquier, Vezo, Saunier, Estupiñán, Cuenca, Andreas Pereira, Wakaso, Héctor Hernández (Atzili, min. 84), Boga e Kravets (Ponce, min. 60).

Árbitro: Del Cerro Grande (c. madrileño). Cartón amarelo a Héctor Hernández (min. 45), Estupiñán (min. 75), Andreas (min. 76), Cuenca (min. 90+2) y Ola John (min. 90+2).

Incidencias: 19.302 espectadores no estadio de Riazor.

Comentarios