mércores 25/11/20

Cinco medallas para Galiza no absoluto estatal de atletismo

A participación galega nos campionatos absolutos individuais de atletismo 2020 rematou cun meritorio medalleiro. A difícil situación sanitaria pola pandemia da Covid-19 e as salientábeis ausencias desta edición convidan a pensar en competicións futuras máis proveitosas.
Podio dos 10.000 marcha no que Antía Chamosa quedaba primeira cun tempo de 48:35.20 (RFEA)
Podio dos 10.000 marcha no que Antía Chamosa quedaba primeira cun tempo de 48:35.20 (RFEA)

A participación galega no campionato estatal absoluto de atletismo saldouse con dúas medallas de ouro, tres de prata e seis postos de finalistas. A competición festexaba o seu centenario de maneira excepcional, froito da situación provocada pola pandemia da Covid-19. As medidas sanitarias e de seguridade marcaron unhas probas sen público e coa obriga de ter que contar con varias sedes e un tempo moi caloroso que sumaron atrancos ao acontecemento. 

Ouros para Belén Toimil e Antía Chamosa

As alegrías para a participación galega viñeron, en primeiro lugar, da man do círculo de peso, onde a mundialista e plusmarquista de Mugardos Belén Toimil acadaba o seu tan agardado primeiro título estatal ao aire libre absoluto despois de efectuar un lanzamento de 16.21 metros e superar a Úrsula Ruíz por nove centímetros. Todo un premio á constancia e teimosidade da atleta galega.

Despois, na última proba do sábado, foi o momento da marchadora internacional Antía Chamosa, que se proclamou campioa estatal por vez primeira en pista nun absoluto na proba de 10.000 marcha cun tempo oficial de 48:35.20. 

Pratas e finalistas

A primeira das medallas en caer nestes campionatos foi a do saltador olímpico Jean Marie Okutu, quen lograba o subcampionato logo de ir diante toda a proba e de perder o título que levou o asturiano Francisco Javier Cobián, que saltaba no último intento a unha mellor marca persoal (MMP), con 7.79 m.

No concurso de martelo, a lanzadora internacional Irene Gómez lograba o posto de finalista nunha proba irregular onde só conseguía facer dous lanzamentos válidos, o mellor con 52.23 metros

Outra das medallas foi a de Saleta Fernández na colchoneta de altura, mágoa non reter o título do ano pasado e saltar 1.85 metros e non superar a Cristina Ferrando. Boa actuación tivo a atleta venezolana, con ficha galega pola Sociedad Gimnástica, Joselyn Danyel Brea, que quedou en segundo lugar (sen dereito a podio) na final dos 5.000 metros cun rexistro de 16:12.54. Mala sorte para Leticia Gil, a saltadora valdehorresa, quen non puido reeditar o bronce do ano pasado ao perdelo no último salto por once centímetros logo de ir en posición de medalla.

O domingo participou na final dos 400 metros Pedro Juncal, que quedou nun meritorio oitavo posto con 48.39. Bo papel realizaron os martelistas galegos Carlos Revuelta ocupando un 4º posto con 61.52  e un prometedor Yago Araujo, quen chegaba até os 59.20 metros polo que quedaba en sexto lugar.

En relevos, excelente actuación de Mauro Triana no cuarteto do Playas de Castellón, premiado coa medalla de ouro no relevo curto. Nesta mesma especialidade, o equipo feminino da Gimnástica de Pontevedra formado por Lucía Ferrer, Cristina Garrido, Claudia Torres e Xiana González, lograría un meritorio e salientábel cuarto posto con 48.11. A última medalla para Galiza foi para Menchu Sánchez que lograba no seu último lanzamento no concurso de xavelina unha fabulosa medalla de prata con 45.24 metros.

As probas do sub20 trasládanse de Xixón a Madrid por motivos sanitarios

O Campionato estatal de atletismo sub20 tamén se xogará en Madrid. Será no estadio de Vallehermoso e terán lugar os días 3 e 4 de outubro. A decisión de trasladar tomouse unha vez recibida a notificación da Dirección Xeral de Saúde Pública do Goberno do Principado de Asturies da imposibilidade de realizalo en Xixón.

A competición levarase a cabo sen público e, unha vez máis, a protección da saúde de todas as persoas presentes nas instalacións será primordial, segundo explican nun comunicado desde a Federación Galega de Atletismo. Tomaranse todas as medidas sanitarias pertinentes, o uso de máscaras será obrigatorio (excepto no momento da competición) e contarase cun equipo de protección anti-Covid-19. Este será o segundo Campionato estatal que acolla Vallehermoso.

comentarios