Mathieu Peybernes, a historia dun trotamundos encerrado en Lugo

O defensa galo do Club Deportivo Lugo, que xogou en oito equipos nos últimos catro anos, repasa a súa traxectoria e revela como está pasando a situación de confinamento a causa da COVID-19.
mattew lugo
photo_camera Mathieu, nas instalacións de adestramento do Club Deportivo Lugo (Foto: CD Lugo).

Para alguén como Mathieu Peybernes, que ten os adestramentos como relixión, o confinamento e o traballo na casa está sendo “moi duro”. “A primeira semana leveino moi mal”, recoñece. Con todo, sinala que “non hai escusas” para facer o mellor posíbel o traballo que lles esixen.

Formado nunha das canteiras máis potentes de Francia, a do Sochaux- Montbeliard, a máis de mil quilómetros do seu Toulouse natal, Peybernes confesa que os seis primeiros seis meses fóra da casa, lonxe da familia, foron “moi duros”, pero o galo sabía que “de alí saían moitos xogadores profesionais, e tiña que facer o sacrificio”.

O hoxe central do Club Deportivo Lugo aproveitou a oportunidade, e con 17 anos xa adestraba co primeiro equipo, logo dun proceso de aprendizaxe onde gravou a lume que “a chave no fútbol é adestrar como se competises”, ademais de “saber previr lesións, ser paciente cando toca ser suplente e axudar no vestiario”.

Oito equipos en catro anos

Alí, este trotamundos do fútbol de só 29 anos iniciaba un percorrido profesional que o levou a defender a camisola de oito equipos distintos en menos de catro anos.

O seu mellor momento, como el mesmo explica, foi a final da Copa de Francia que xogou co Bastia: “Saint Denis, o Estadio de Francia, fronte ao Paris Saint-Germain... é a experiencia máis incríbel que vivín como xogador”.

Tras abandonar o equipo corso  pasou por Turquía, onde non foi feliz –“a familia non se adaptaba, e por velos mal non pagaban a pena os cartos”- e volveu a Europa continental para xogar no KAS belga, onde volveu ser dirixido polo ex xogador do Celta Claude Makélélé. Del, “un home que xogou en clubes grandes de todo o mundo”, afirma sacar “moitas ideas, e iso sempre é unha aprendizaxe que serve de moito”.

E, logo de rematar a etapa belga, este espírito libre probou sorte na liga española, primeiro no Sporting de Xixón e logo no Almería. No conxunto andaluz viuse envolto nunha rocambolesca situación, pois “á semana seguinte de asinar o club cambiou de propietarios e os novos donos non querían saber nada de ningunha das fichaxes anteriores á súa chegada”.

Foi nese intre cando xurdiu a oportunidade de asinar polo Club Deportivo Lugo, e o defensa francés non o pensou dúas veces. “Chamáronme moitos equipos eses días, pero finalmente decanteime polo Lugo porque Manolo Mandiá –o secretario técnico da escuadra galega- foi o primeiro en falar comigo, e o presidente mostrou moito interese por min”.

O central asegura que “Tino –Saqués, máximo dirixente dos alvibermellos- chamoume moitas veces para falarme marabillas de Lugo como cidade, do clube e dos compañeiros, así que non puiden dicir que non, ademais viña coa miña familia e iso animoume moito. Co tempo comprobei que tiña razón e hoxe estamos moi ben todos aquí”.

Comentarios