Os mataxigantes do Carballiño agardan por outro Primeira División

Esta cuarta feira terá lugar o sorteo copeiro no que o Arenteiro coñecerá o seu nome da súa nova posíbel vítima.
662x372a_14002412whatsapp-image-2022-11-14-at-00.17.54
photo_camera Desde Andalucía trataron de xustificar a derrota na abundante chuvia e nas malas condicións do campo. (Foto: UD Almería).

Non hai que confundir o arento -segundo a Real Academia Galega "instrumento semellante a un compás que serve para trazar a circunferencia da roda dos carros"- co Arenteiro, que nunha definición próxima a incorporarse ao diccionario podería describirse como "mataxigantes invicto".

A escuadra do Carballiño, que é xunto co Sestao a única que non perdeu nas catro primeiras categorías, asinou a maior fazaña dos seus case 65 anos de historia eliminando, e de que modo, o Almería de Primeira División. Nun merecido triunfo por 2-0 no fortín de Espiñedo, un gol de Antón Escobar no minuto 4 e outro de Rafa Mella no 79 deixaron fóra un club que multiplica o orzamento do mataxigantes galego en 175. 

Os outros dous conxuntos do país no bombo da segunda rolda, previsto para as 17 horas da cuarta feira, serán o Celta e o Pontevedra. A entidade olívica logrou o seu primeiro triunfo baixo a dirección de Carlos Carvalhal a costa do Algar (1-6), un rival moi inferior que se diluíu despois do descanso logo duns máis que aceptábeis 45 minutos iniciais nos que chegou a adiantarse no marcador. A do Lérez, pola súa parte, remontou un tanto encaixado no segundo oito de partido logo dun erro defensivo obsceno para apear o Manresa na súa casa (1-3).

Con respecto aos seus posíbeis rivais na seguinte rolda, o Aranteiro terá a oportunidade de volver exhibirse ante un conxunto da máxima categoría, o que abre a porta a un cruce con clubs de nivel do Atlético de Madrid, Vilarreal, Athletic de Bilbao ou o propio Celta. E con respecto ao Pontevedra, este xogará, cun 100% de posibilidades, con algún dos 16 equipos de Segunda División que están no bombo. 

Enésimo ridículo do Real Club Deportivo

O Dépor tirou a Copa ante un rival moi inferior como o Guixuelo (2-0), e xa son 11 anos seguidos nos que non logra pasar dalgunha das dúas primeiras fases. Curiosamente, estes 11 foron os peores na historia do club, polo que a escusa de "tirar a Copa" para centrarse na Liga resulta xa inaceptábel.

Tamén quedou eliminado ante un equipo con menor nivel o Club Deportivo Lugo (0-1 co Arenas), resultando máis comprensíbeis os adeus do Rácing de Ferrol ante o invicto Sestao (0-1); do Coruxo a mans do Eldense (2-4 nos penaltis após empatar a dous); do Ourense co Alcorcón (tamén por penaltis) e do Barbadás ante outro Primeira, o Valladolid (0-2).

Comentarios