Marrube despídese do Burela FS con bágoas nos ollos tras ser destituído

1.200 días despois, o club mariñao busca un "revulsivo".
juanma_marrube-burela
photo_camera O até agora adestrador do Burela, Juanma Marrube (no centro da imaxe), foi antes xogador do club (Foto: Burela FS)

O Burela Pescados Rubén de fútbol sala masculino destituíu na noite da terza feira o seu adestrador, Juanma Marrube. Hoxe, emocionado e con bágoas nos ollos, o alfocense despedíase en conferencia de prensa. Na súa intervención de pouco máis de dous minutos centrouse en agradecer a todos os estamentos do club e da directiva "pola oportunidade" que se lle deu de adestrar o equipo mariñao.

Tamén tivo palabras de recoñecemento para a afección, que dixo sentir "moi perto" durante todo este tempo e "involucrada" coa identidade e espírito do equipo. Ademais, lembrouse dos empregados e citou todos e cada un dos compoñentes do corpo técnico, cunha especial mención ao fútbol base.

Marrube dixo sentir "a satisfacción do deber cumprido", de "deixar o equipo mellor que como o atopaches" despois de 1.200 días á fronte do Burela FS. "Agora toca familia. Agora toca devolvervos parte deses 1.200 días", dixo para rematar a comparecencia, ao tempo que os ollos se lle enchían de bágoas.

Horas antes, na noite da terza feira, o Burela FS emitía o comunicado anunciando o seu cesamento. "A directiva da entidade laranxa tomou esta difícil decisión, unha decisión moi meditada, co fin de atopar o revulsivo necesario para dar garantías aos obxectivos marcados para a tempada", apunta o escrito enviado aos medios.

"Juanma Marrube representa a grande esencia desta familia. O 'Mariskal' e o club compartiron moitos dos momentos de ouro do fútbol sala mariñao. O sempiterno 8 laranxa ofreceu grandes tardes sobre o parqué, etapa á que puxo fin en 2014 para asumir a secretaría técnica da entidade laranxa. Tras o seu debut como técnico do asturiano Boal FS, de Segunda B, en 2017 asumiu as rendas do Peixes Rubén para abandeirar o regreso á Primeira, conquistando o ascenso á elite en 2018-19, e outorgando dúas Copas Galiza para a vitrina burelista", continúa o comunicado.

Finalmente, a directiva do Burela FS sinala que a despedida a Juanma Marrube non ten por que ser definitiva. "Juanma demostrou sempre unha gran capacidade de dedicación, esforzo e profesionalidade", di, e engade: "Chegou o momento de separar os camiños, aínda que este non pode ser un adeus. O 'Mariskal' sempre terá estas portas abertas; novos proxectos poden reencontrarnos". 

Convenio Parrulo-FGF

Por outra banda, a Federación Galega de Fútbol (FGF) e O Parrulo Ferrol asinaron un convenio de colaboración co fin de "promocionar o fútbol sala, e en especial a formación e tecnificación deportiva desta especialidade deportiva entre os membros da entidade departamental", segundo apunta o comunicado federativo enviado onte aos medios.

A escenificación do acordo entre FGF e O Parrulo, non obstante, tivo lugar xa o pasado domingo durante o encontro que disputou o equipo masculino no pavillón da Malata. No acto estiveron presentes, por parte da FGF, o vicepresidente e máximo responsábel do fútbol sala na Federación, Pablo Prieto; o presidente do Comité Galego de Adestradores e director da Escola, Iván Cancela; e o delegado federativo Abraham Yáñez. E por parte de O Parrulo acudiron o presidente Julio Martínez e o secretario do club Jose Naveira.

O Parrulo é un dos equipos históricos do fútbol sala e Martínez leva á fronte do club desde hai máis de catro décadas, un dos máis veteranos a nivel estatal.

Comentarios