Alejandro Marque, segundo polo de agora na Volta a Portugal

O ciclista luso Daniel Freitas ponse primeiro após a quinta etapa.
Alejandro Marque (Foto: RTP)
photo_camera Alejandro Marque (Foto: RTP)

A quinta das dez etapas da Volta a Portugal, que decorreu este 10 de agosto de Águeda a Santo Tirso, deixou  o galego Alejandro Marque (da equipa Atum General-Tavira-Maria Nova Hotel) no segundo posto da clasificación provisional xeral da Volta, mentres que o portugués Daniel Freitas (Rádio Popular-Boavista) saltou ao número un. 

Freitas rematou con 42 segundos de avance sobre Marque, anterior líder na clasificación provisional, e 47 segundos sobre o portugués Amaro Antunes (W52-FC Porto), vencedor da proba en 2020.

O pasado sete de agosto Alejandro Marque, estradense de 39 anos de idade, ficou como líder provisional da clasificación xeral. En declaracións ao medio de comunicación luso Jornal de Noticias, Marque asegurou que a súa equipa, da que tamén forma parte o veterano ciclista galego Gustavo Veloso, "está a facer as cousas ben". 

Marque fíxose ese 7 de agosto co maillot amarelo após gañar a terceira etapa, chegando en solitario á cima do Alto da Torre en Covilhâ. "Para min, a Serra da Estrela é como se fose o Olimpo Sagrado e calquera ciclista soña con vecer alí", afirmou en declaracións aos medios lusos. "Foi algo especial pola forma como a gañei, non mo cría", recoñeceu o estradense. 

Marque xa gañou a Volta a Portugal no ano 2013, arrebatándolla precisamente a Veloso, que daquela tamén era o seu compañeiro de equipa. 

Hollyman, o vencedor da quinta etapa

En canto aos resultados da xornada deste 10 de agosto, a quinta etapa foi gañada polo británico Mason Hollyman (Israel Cycling Academy). Na final dos 171,3 quilómetros, entre Águeda e o alto da Senhora da Assunção, en Santo Tirso, Hollyman cortou a meta en 4.11.47 horas, menos 35 segundos do que o portugués Ricardo Mestre (W52-FC Porto) e un minuto do que o arxentino Tomas Contte.  Marque ficou de 22 e Daniel Freitas en sexta posición.

A volta concluirá este domingo 15 de agosto nun verdadeiro contrarreloxo na cidade de Viseu. Na xornada anterior, os ciclistas terán que ascender o porto de primeira categoría do Alto da Nossa Senhora da Graça, onde porán o ramo á novena etapa da Volta. 
 

Comentarios