María Sanjurjo: "Volvín fichar polo Liceo porque estaba estancada e necesitaba un cambio"

María Sanjurjo (A Coruña, 2000) volveu á casa este verán logo de gozar dunha estancia de tres anos en Xixón, tempo no que explotou xa non como promesa, senón como auténtica realidade do hóckey, como acreditan os  títulos de campioa da Copa da Raíña e do Mundial nos World Roller Games de Barcelona en 2019.
A coruñesa é unha das estrelas do cadro verdibranco. (Foto: Deportivo Liceo).
photo_camera A coruñesa é unha das estrelas do cadro verdibranco. (Foto: Deportivo Liceo).

O equipo está situado na novena posición, con 13 puntos, case que en terra de ninguén, pois hai moita distancia tanto coa zona baixa como coa alta da clasificación. Cal é o obxectivo do Liceo para o que resta de tempada ante este escenario? 

Estamos pendentes de que acontecerá cos seis puntos que nos quitaron por non presentarnos a xogar contra o Mataró polo tema da Covid, con eles cambiaría todo bastante, pois estariamos sextas e a perspectiva sería outra. Por iso non sacamos moito o tema dos obxectivos, nós no vestiario estamos concentradas en gañar e ese é un tema que non se toca. 

Esta fin de semana xogan contra Bigues i Riells, un equipo "da súa liga" que lles precede en só dous puntos. Como están preparando o choque logo do maratón de partidos que tiveron que afrontar en recentes datas?

Pois como tivemos tres partidos seguidos ultimamente, podemos dicir que estamos levando a cabo unha preparación un pouco rara (ri). Pensa que levamos unha tempada na que case participamos en máis partidos que adestramentos, pero a mentalidade sempre é a mesma: concentrarnos en xogar como sabemos, gozar e conseguir os puntos, iso está moi claro para todas. 

Deixando a un lado o plano colectivo, vostede é coruñesa, e alí o hóckey a patíns é case unha relixión, até o punto xa non de ser o lugar da Galiza onde máis se practica, senón que está moi por diante doutros deportes, por así dicilo, minoritarios que noutras zonas son máis populares. Como rapaza que medrou desde pequena nese ambiente, a que cre que se debe a popularidade do hóckey na cidade herculina? 

É algo que vén de moitos anos atrás. De pequena vin fotos de Riazor ateigado co hóckey, na escola era dos poucos deportes extraescolares que se podían practicar... penso que é unha tradición da cidade.

Deportivamente, vostede iniciou a súa andadura no hóckey da man do Dominicos, e logo sendo aínda menor de idade fichou polo Liceo, co que debutou en OK Liga, e posteriormente marchou para Telecable Xixón, onde militou durante tres tempadas e logrou múltiples éxitos tanto a nivel de clubs como no plano internacional. Que a levou, en primeiro lugar, a tomar a decisión de marchar a Xixón e como valora a súa etapa de tres anos no equipo asturiano?

Cando marchei para alí foi no medio dunha época de cambios para min: cumprín os 18 anos, rematei o bacharelato e necesitaba saír fóra, pois sentía que me estaba estancando. Alí en Xixón estaba a carreira que quería estudar e un equipo que me gustaba, así que valoreino todo e tomei a decisión de marchar e non me foi mal (ri).

Con que momento da súa curta, pero exitosa carreira deportiva, quedaría a día de hoxe?

Teño varios gardados. Cando era máis pequena, lembro un clásico entre Liceo e Compañía que foi un auténtico partidazo. E logo, por suposto, os títulos: a Copa da Raíña e o Mundial. Os tres momentos foron moi importantes para min.

E tres anos despois sacou o boleto de volta e fichou de novo polo Liceo o pasado verán, deixando un equipo que pelexa polo título por outro que acaba de ascender á máxima categoría e que agora mesmo está, como comentabamos antes, en metade de táboa...

Si, apliquei o mesmo razoamento que usei para marchar. Sentín que estaba estancada e necesitaba un cambio, que é algo que a min non me dá ningún medo. Vin que aquí no Liceo estaban construíndo un equipo moi novo, con moita proxección, e decidín cambiar de novo, para formar parte dun proxecto rodeada de xente nova e con moitas gañas de competir.

E nese novo proxecto rodeada de xente nova non direi que é vostede das veteranas, porque coa súa idade iso é imposíbel, pero si ten un peso específico no cadro de xogadoras que se reflicte nos seus minutos e no rol que desempeña sobre a pista. Como leva cargar con esa responsabilidade sobre os seus ombreiros?

Eu non penso niso como unha responsabilidade, senón que fago o meu xogo sen máis, pois comparto esa responsabilidade coas miñas compañeiras, até coa que menos minutos disputa.  

Comentaba anteriormente que unha das razóns da súa marcha ao Telecable Xixón foron os estudos. No seu deporte, o hóckey feminino, o profesionalismo comeza a ser unha realidade ou continúa sendo unha entelequia?

O profesionalismo non está xeneralizado. Hai clubs concretos que pouco a pouco se van profesionalizando, pero nin por asomo estamos igual que os homes, aínda queda moito, moito, moito.

Comentarios