A 'Mareona' do Sporting invade Lugo

Miles de seareiros e seareiras da veciña Xixón estarán hoxe no Ángel Carro
Entre a numerosa afección sportinguista hai un pequeno reduto ultradereitista, como demostra esta imaxe do Lugo-Sporting do ano pasado. (Foto: La Liga).
photo_camera Entre a numerosa afección sportinguista hai un pequeno reduto ultradereitista, como demostra esta imaxe do Lugo-Sporting do ano pasado. (Foto: La Liga).

A 'mareona' volverá tomar Lugo ao asalto, e nin a Muralla poderá impedir a entrada na cidade de miles dos e das buliciosas seareiras do Sporting de Xixón, das que se agarda que aproveitando as datas festivas e a proximidade xeográfica entre ambas as localidades se despracen en cifras moi superiores ás 3.000 persoas que o fixeron o pasado ano 2021.

O Club Deportivo Lugo, pese a xogar como local (hoxe, 16.15 horas) verá como o Ángel Carro torna nunha sorte de pequeno Molinón, pois a directiva presidida por Tino Saqués remitiu a Xixón 1.300 boletos, aos que se engadirán 300 que conseguiron a través da plataforma Afeccións Unidas e outros 350 da Unión de Peñas Sportinguistas até completar unha cifra que rolda as 2.000, case unha terceira parte da capacidade total do recinto.

O número de persoas visitantes procedente de Asturias promete superar a cifra de 3.000 alcanzada o pasado ano 2021

A estes afeccionados e afeccionadas con boleto uniranse moitas outras que non conseguiron facerse co prezado ticket, polo que terán que seguir o partido nalgún dos moitos bares e cafeterías de Lugo que farán o "agosto" coa visita da Mareona a pesar de que o encontro se desenvolva en decembro.

Fran Justo aspira a acabar con tres meses de seca

O do Sporting será o terceiro partido de Fran Justo á fronte do Club Deportivo Lugo, onde logrou un empate na súa estrea e un valiosísimo triunfo a fin de semana pasada ante un rival directo na loita pola salvación como é o Rácing de Santander.

Coa firme intención de continuar coa súa boa xeira de resultados como preparador albivermello, e cun posíbel abandono dos postos de descenso na mente despois de catro xornadas sumidos no pozo, o ourensán aspira a lograr unha nova fazaña: sumar de tres en tres por segunda data consecutiva, algo que o Lugo non logra desde comezos de setembro, cando superou Leganés e Zaragoza.  

Con todo, expresou a súa preocupación por que a masiva presenza de sportinguistas faga que os seus homes se sintan como os visitantes na súa propia casa: "Hoxe haberá dous partidos, un no terreo de xogo e outro nas bancadas; non teño dúbidas de que nese a xente de Lugo dará un paso á fronte e fará que nos sintamos moi fortes".  

Comentarios