A oposición urxe "explicacións serias" ao Goberno coruñés sobre o custo do partido España-Islandia en Riazor

"Cifra o impacto en 13,1 millóns, mais podería telo cifrado en cinco ou 50", lamenta o BNG sobre un informe que considera feito "a medida" para xustificar o custo do encontro amigábel, 400.000 euros.
A selección española venceu Islandia no amigábel que acolleu Riazor o pasado 29 de marzo. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera A selección española venceu Islandia no amigábel que acolleu Riazor o pasado 29 de marzo. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Un informe do Goberno local da Coruña estima en 13,1 millóns o 'retorno' do partido España-Islandia, segundo informou o grupo municipal do BNG tras a reunión da comisión de deportes desta terza feira. Tanto a formación nacionalista como Marea Atlántica e o PP cuestionan o gasto e exixen explicacións.

Nun comunicado, os populares aseguran que, segundo se trasladou na reunión, "hai un compromiso para devolver á partida de torneos deportivos coa que se pagaron os máis de 400.000 euros de custo do partido amigábel da selección española", pero engaden que non se sabe "cando se executará a devolución do diñeiro, que representa a metade da partida para organizar eventos deportivos na cidade".

Pola súa parte, Marea sostén que o citado partido "consumiu nun só día 41,3% dos fondos previstos para organizar eventos deportivos este ano".

"O único que presentou o Goberno para xustificar estas cifras foi un documento dunha páxina encargado pola Alcaldía e totalmente carente de rigor", sinala sobre o impacto publicitario, ao tempo que urxe "explicacións serias".

Aliás, o BNG considera que o informe foi feito "a medida". "Cifra o impacto en 13,1 millóns, mais podería telo cifrado en cinco ou 50", asegura ao cuestionar o seu contido, que non ve "serio".

Para o seu portavoz municipal, Francisco Jorquera, "os 429.000 euros que se gastan neste partido son un investimento totalmente prescindíbel, tendo en conta que vai en detrimento de atender as necesidades do deporte coruñés".

"Boa proba da falta de seriedade do informe achámola en que mesmo se relacionan noticias, co seu correspondente valor económico, que son obxectivamente negativas para A Coruña", salientan desde o Bloque, e poñen como exemplo unha información referida no informe que leva o titular 'Caos en Riazor: o público aínda fai cola no minuto 30 do partido dos 400 mil euros', á que se lle atribúe un valor en concepto de retorno de 141.075 euros.

Comentarios