Marcos Groba, 'O Besta' de corazón de ouro que percorreu correndo 120 quilómetros

Imposíbel é un termo que non está no dicionario do atleta Marcos Groba, que vén de percorrer correndo o tramo galego do Camiño Portugués, 120 quilómetros que separan Tui de Compostela, nun tempo inferior ás 11 horas. E todo para axudar economicamente a Asociación Síndrome de Down de Vigo.
Marcos Groba (dereita) tardou menos de 11 horas en realizar o tramo galego do Camiño Portugués. (Foto: Taninos Runners).
photo_camera Marcos Groba (dereita) tardou menos de 11 horas en realizar o tramo galego do Camiño Portugués. (Foto: Taninos Runners).

No deporte é habitual -e aí están o exemplo do ex futbolista brasileiro Julio Baptista ou do loitador profesional estadounideste Brock Lesnar- que as persoas alcumadas "besta" o sexan por ser posuidoras dun físico extraordinario, practicamente sobrehumano.

Con eles e tantos outros comparte alcuño o corredor galego Marcos Groba, pero a diferenza dos anteriores, o seu maior músculo é o corazón. E non só por ter a forza abondo para bombear durante os máis de 100 quilómetros que pode chegar a percorrer durante os seus roteiros este atleta de grandes distancias, senón polo amor que chega a desprender polos seus semellantes, como dá boa proba a súa última aventura.

"O Besta" -que non 'a Besta'-, como lle chaman cariñosamente os seus compañeiros e compañeiras no clube Taninos Runners de Ponteareas, vén de percorrer os 120 quilómetros que separan Tui de Compostela e que conforman o tramo galego do Camiño de Santiago Portugués. E nun tempo récord, menos de 11 horas.

Mais detrás desta proeza deportiva agóchase un fondo de solidariedade, pois O Besta colabora desde hai anos coa Asociación Síndrome de Down de Vigo, para a que recadou 625 euros nesta fazaña atlética.

"Tiña previsto, segundo o tempo que conseguise, doar unha serie de cartos. E unha vez chegado á praza do Obradoiro abrín un sobre e as persoas do clube Taninos que me acompañaban tamén contribuíron, conseguindo reunir esa cifra de 625 euros", explica o atleta a Nós Diario.

A crise da Covid-19 agudiza o enxeño

Preparado polo lendario maratoniano galego Pedro Nimo, en 2020 Marcos Groba tiña previsto participar na Maratón de Rotterdam, na de Valencia e nos 100 quilómetros de Santander. Mais como a pandemia da Covid-19 levou a que todas esas probas se suspenderan, o de Ponteareas decidiuse a probar "outro tipo de loucura". 

E iso son palabras maiores para un home que, ademais de maratóns, ten participado en trails, ultra trails -carreiras por monte e montaña en lugar de por pista ou asfalto que poden mesmo superar os 100 quilómetros de distancia- e competicións como as Seis Horas Vila do Corpus, da que gañou as tres edicións disputadas até o de agora e nas que, facendo gala do espírito solidario que o caracteriza, sempre doa un euro por cada quilómetro percorrido a Down Vigo.

"As largas distancias vanme moi ben, como sempre me di Pedro Nimo, e despois de darlle moitas voltas decidinme a facer o tramo galego do Camiño de Santiago Portugués", sinala Marcos Groba, que fóra do mundo do deporte exerce como xefe de obra en grandes infraestruturas de comunicacións.

Son exactamente 120 quilómetros que separan Tui de Compostela os que tería que percorrer un atleta que tiña como referencia as 14 horas estabelecidas con anterioridade, un rexistro que o de Ponteareas esnaquizou, reducíndoo até as 10 horas e 55 minutos.

Durante o camiño só parou "a cambiar a roupa e comer un pequeno bocadillo", e contou en todo momento coa asistencia de xente do seu clube, que montadas en bicicleta o acompañaron nunha aventura que xa forma parte dos libros de historia do deporte galego. 

Comentarios