A marcha atlética regresa aos Cantóns coruñeses

Unha das probas deportivas periódicas con máis relevancia internacional que se desenvolven na Galiza volve logo dunha parada imposta a causa da pandemia da Covid-19 e que obrigou ao seu adiamento, primeiro desde o 26 de abril até o 4 de outubro de 2020 e logo, definitivamente, ao 5 de maio deste ano.
A chinesa Liu Hong estabeleceu un novo récord mundial na modalidade de 20 quilómetros na XXIX edición do histórico certame herculino. (Foto: World Athletics).
photo_camera A chinesa Liu Hong estabeleceu un novo récord mundial na modalidade de 20 quilómetros na XXIX edición do certame. (Foto: World Athletics).

A pandemia do coronavirus gañoulle a batalla en 2020 ao Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantóns da Coruña Sergio Vázquez, que non puido disputarse nin na súa data orixinal do 26 de abril nin na alternativa do 4 de outubro, ao comezo da segunda vaga, pero o deporte acabou por gañar a guerra e, esta vez si, o histórico certame herculino desenvolverase ao longo da tarde do vindeiro día 5 de xuño.

Con todo, esta carreira -organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo (FGA)- non será allea á realidade da ameaza sanitaria que aínda permanece vixente, e terá lugar baixo "estritos controis sanitarios" que inclúen evitar as clásicas aglomeración de afeccionadas á disciplina e público curioso na contorna do circuíto urbano e a realización de test de antíxenos a todos e todas as participantes para tratar de detectar posíbeis casos positivos.

Presente e futuro

O feito de non poder desenvolverse durante o pasado ano 2020 non diminuíu a relevancia internacional do Gran Premio coruñés, declarado pola World Athletics como Patrimonio mundial del atletismo no ano 2019, pois nel repartiranse os derradeiros boletos para viaxar até Tóquio a finais do mes de xullo e poder competir nos Xogos.

Prolóngase así un legado que naceu en 1987 da man do por aquel entón presidente da Federación Galega de Atletismo, o lucense Sergio Vázquez, e do marchador catalán Jordi Llopart, falecido o pasado 11 de novembro. Hoxe, 34 anos despois, Vázquez dá nome a unha proba que tornou en referencia planetaria e Llopart protagoniza o cartel da presente edición.

O seu prestixio foi medrando non só por contar cun circuíto que especialistas na materia consideran referencia pola súa "rapidez", como destaca o presidente da FGA, Isidoro Hornillos, senón tamén por tornar en sede de eventos de magnitude internacional como a primeira edición da Copa de Europa (1996), o Campionato de España (2002), a Copa do Mundo (2006) ou a Race Walking Challenge Mundial, que integra as mellores probas de marcha do planeta e na que o da Coruña é o único certame que participou en todas as edicións, chegando a ser a súa sede final no ano 2011.

Este crecemento cimentouse, asemade, nos éxitos conseguidos polos marchadores e marchadoras sobre o asfalto coruñés. Así, 'Paquillo' Fernández,  dúas veces campión do mundo e medalla de prata nos Xogos de Atenas 2004, conquistou no 2005 na Coruña o récord de España dos 20 quilómetros marcha, que aínda permanece vixente.

Non acontece o mesmo co récord mundial feminino que na mesma modalidade rachou a chinesa Liu Hong en 2015, pois a súa compatriota Yang Jiayu rebaixou a súa marca en 38 segundos hai tan só un mes, o que non lle resta nin un ápice de mérito á fazaña asinada por Hong nunha carreira que rexorde coa intención de recuperar o seu posto como referencia nunha das disciplinas atléticas máis antigas.

Comentarios