O encontro deixou mal sabor, especialmente porque o único gol do Mallorca entrou na portería branquiazul a dez minutos do final do partido.
O Mallorca comezara dominando a situación. Achegábase á área deportivista, aínda que non foi capaz de concretar máis ca unha ocasión. O Dépor apenas conseguía espreguizarse. Mais, a partir da media hora de xogo, os coruñeses comezaron a controlar o esférico. Recuperábano unha vez e outra e apenas deixaba a súa posesión.
O descanso chegou sen goles no marcador. A segunda parte iniciose nunha tónica semellante. Pero o Dépor arribaba na área mallorquina cada vez con maior frecuencia e clareza. E, con todo, foi o Mallorca o que, no minuto 56, enviou o balón ao pau nun disparo de Sastre que tocou no defensa deportivista Pablo Mari.
Seis minutos máis tarde, a oportunidade foi para o Dépor, cun testarazo de Domingos Duarte que atallou o porteiro do Mallorca, Manolo Reina. No 66, os da illa estiveron a piques de se adiantar cun disparo de Sastre que desviou a man de Dani Giménez. O posterior corner, mediante a cabeza de Abdón Prats, deu no traveseiro.
Foi no minuto 78 cando Lago Junior avanzou desde o medio campo e, na boca da área, disparou e marcou o único gol do encontro. O Dépor apurou o derradeiro tramo, mais non conseguíu o empate.
Ficha técnica
RCD Mallorca: Manolo Reina, Sastre, Valjent, Raíllo, Estupiñán, Dani Rodríguez, Marc Pedraza, Salva Sevilla (Xisco Campos, minuto 85), Merveil Ndockyt (Aridai, minuto 72), Àlex López (Abdón Prats, minuto 65) e Lago Junior.
RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (David Simón, minuto. 85), Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Krohn-Dehli (Edu Expósito, minuto 73), Álex Bergantiños, Vicente Gómez, Fede Cartabia (Christian Santos, minuto 76), Borja Valle e Quique.
Gol: 1-0 Lago Junior (minuto 78).
Árbitro: Ais Reig (c. valenciano). Cartón amarelo a Domingos Duarte (minuto 12) e a Vicente Gómez (minuto 64).
Incidencias: partido correspondente á 21ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio de Son Moix ante 7.593 espectadores.