O Málaga frustra o soño do Guardés de facer historia na Copa da Raíña

Nunca un equipo galego alcanzara a final do torneo
A desolación era evidente entre as xogadoras galegas incluso tras recibir a medalla de prata. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera A desolación era evidente entre as xogadoras galegas incluso tras recibir a medalla de prata. (Foto: Atlético Guardés).

Tanto nadar para morrer na beira! O Mecalia Atlético Guardés protagonizou unha auténtica fazaña alcanzando a final da Copa da Raíña por vez primeira non só na súa historia, senón na de todo o balonmán galego, pero após vencer Granollers nos cuartos de final (31-26) e Super Amara Bera Bera nas semifinais (24-20, co mérito engadido de que a escuadra vasca era a máxima favorita para o título, como acredita o feito de que só perdeu un partido na Liga Guerreiras), a escuadra do sur da Galiza non puido completar o final hollywoodiense perdendo ante un gran Costa do Sol Málaga, curiosamente o conxunto que venceu Bera Bera na competición da regularidade.

As andaluzas viñan de gañar con moita comodidade ao Elxe en semifinais, o que lle permitiu dar descanso a varias das súas xogadoras máis importantes ao longo da segunda metade. En cambio, o Guardés tivo que espremerse até a extenuación ante o líder da Liga. Este factor, a resistencia e a condición física, remataría por ser determinante na finalísima, pois pasou evidente factura ás mulleres galegas.

E iso que non comezou mal o Mecalia Atlético Guardés, pois dous goles consecutivos de Pessoa e  Naza Calzado poñían por diante ás de José Ignacio Prades. Lamentabelmente, tratouse dun espellismo, pois axiña Málaga exhibiu as dúas armas que máis dano fixeron ao conxunto miñoto, as paradas de Castellanos e as carreiras de Sole López, que asinaron 10 paradas e seis goles, respectivamente, nos primeiros 30 minutos.

A súa actuación conduciu ao colectivo costasoleño a certificar un parcial de 1-6 que remataría por condicionar o desenvolvemento de todo un primeiro acto no que o Guardés estivo KO até que da man das boas paradas de Carratú chegou a estar a dous tantos, pero cada vez que a distancia comezaba a parecer accesíbel, Castellanos volvía subir o nivel, bloqueando todos os intentos galegos por equilibrar o marcador. 

Iso, finalmente, conduce a un axioma básico non só do balonmán, senón de todos os deportes: quen perdoa, paga. E esa falta de acerto na portería contraria sempre remata por afectar na propia. Así, a vantaxe andaluza estabilizouse arredor dos tres goles, que rematarían sendo catro no momento en que se alcanzou o descanso (10-14).

Imposíbel intentalo tanto como fixo o Guardés

Á volta dos vestiarios o decorado non cambiou. De feito, acentuouse. O Málaga castigou as dúbidas do equipo  miñoto no arranque, e cun 1-4 de saída levou o choque a uns sete tantos de renda case insuperábeis  nun momento chave do encontro, pois foi cando apareceu un cansazo no que non se reparara até ese momento. Foi evidente que non había forma de reducir a diferenza.

José Ignacio  Prades desde o banco non baixaba os brazos e intentou facer practicamente de todo, desde meter Míriam Sempere na portería e María  Sancha na primeira liña, até cambiar a defensa a un 5:1. Axitou todas as ramas da árbore, pero practicamente non caeron mazás. 

Desgraciadamente para o Guardés, e para as 3.086 persoas presentes no pavillón, a final terminou antes de tempo, pois os últimos compases transcorreron entre a alegría  malacitana e a lóxica decepción dunhas xogadoras miñotas que se sabían perdedoras da final, o que non resta que, con independencia do resultado, fixeran historia.

Comentarios