Mala xornada para os equipos galegos

Ningún dos seis equipos galegos que militan nas tres primeiras divisións do fútbol estatal foi quen de gañar esta fin de semana, excepto o Deportivo da Coruña. O Celta empatou deixando boas sensacións mentres que o Lugo afúndese no abismo dun descenso que, nesta altura da temporada, parece imposíbel de evitar.
Xogadores do Deportivo celebran un dos catro goles anotados contra o Fuenlabrada (Foto: RCD)
photo_camera Xogadores do Deportivo celebran un dos catro goles anotados contra o Fuenlabrada (Foto: RCD)

Nin o Celta nin o Lugo nin o Rácing nin o Celta B nin o Pontevedra. O único dos equipos galegos nas tres primeiras divisións do fútbol estatal que conseguiu a vitoria foi o Deportivo da Coruña por 4-2. Os branquiazuis lograron gañar ante un Fuenlabrada que voltaba a Riazor após tres anos e cunha pandemia mundial polo medio.

Os de Óscar Cano saíron con todo desde os primeiros compases do encontro relegando as ocasións dos madrileños ao balón parado. As mudanzas no once titular propostas polo adestrador funcionaron e deron a vitoria a un conxunto coruñés que se mantén no terceiro posto da Primeira RFEF e, por tanto, en postos de playoff, só por debaixo do Alcorcón e do Real Madrid B, que tamén lograron a vitoria na fin de semana.

Tamén en postos de playoff de ascenso se encontran na Primeira RFEF o Rácing de Ferrol e o Celta B, cuarto e quinto respectivamente. Ambos os combinados asinaron derrotas, sendo a dos ferroláns especialmente dolorosa, xa que estaban invictos desde o pasado 7 de xaneiro.

Unha derrota que algúns definirían como 'esperpéntica'. O equipo contra o que perderon (por 2-1), o Mérida, anotou un gol olímpico e o Rácing un autogol.

No caso do filial do Celta de Vigo, tamén caeu derrotado ante o Unionistas por 0-1 grazas a un penalti anotado xa na segunda parte do encontro. O Pontevedra, pola súa parte, non foi quen de vencer o Alcorcón. Unha derrota que afunde o equipo morado nos postos de descenso facendo a salvación, se ben complicada, non imposíbel.

Celta e Lugo empatan

Na primeira división do fútbol estatal, o Celta de Vigo asinou un empate (2-2) contra o Sevilla in extremis ao anotar o gol do empate no minuto 94. Con este resultado, os vigueses mantéñense no ecuador da táboa e xogando un fútbol que convence desde a chegada do adestrador portugués, Carlos Carvalhal.

Pola súa parte, o CD Lugo tamén recolleu un punto ante un Tenerife que perdoou moito ao longo do encontro. Os lugueses veñen sendo incapaces de gañar nas últimas xornadas e o abismo do descenso cada vez está máis perto. O equipo de Íñigo Vélez afúndese na última posición da táboa e o soño da permanencia no fútbol profesional é máis ben un pesadelo. Só un milagre podería salvar o equipo lugués.

Comentarios