Máis alcohol e menos fútbol na Coruña

Anos de demora na reforma do campo de Eirís asinada con Estrella Galicia a cambio da destrución do terreo de xogo de A Grela II para que ampliasen a fábrica.
O terreo de xogo de Eirís está a anos luz en calidade das instalacións da Grela II, desaparecidas para que Hijos de Rivera ampliase a fábrica. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O terreo de xogo de Eirís está a anos luz en calidade das instalacións da Grela II, desaparecidas para que Hijos de Rivera ampliase a fábrica. (Foto: Nós Diario).

O 6 de marzo pasado, coincidindo co vixésimo aniversario do Centenariazo, o histórico xogador e adestrador do Deportivo, Arsenio Iglesias, recibía unha homenaxe no Pazo de María Pita por parte das autoridades e a sociedade civil coruñesa, durante a cal foi nomeado Fillo Adoptivo e se informou de que tanto unha rúa como as instalacións deportivas da Torre recibirán o seu nome no futuro.

Non son os primeiros recoñecementos que recibe na súa terra o bruxo de Arteixo, pois xa contaba tamén cun campo de fútbol co seu nome na cidade herculina. Contaba. 

O Arsenio Iglesias, antes coñecido como A Grela II, era un coqueto terreo de xogo -de céspede artificial desde a reforma levada a cabo no ano 2008- que tiña unha bancada con capacidade para máis de 400 espectadores e estaba situado nas lindes entre o polígono industrial do que recibía o nome e o barrio de Vioño.

Até que hai dous anos as escavadoras levárono por diante para que a cervexeira Estrella Galicia puidese ampliar as súas instalacións -coas que lindaba o campo de fútbol- en 12.000 metros cadrados.

O conselleiro delegado de Hijos de Rivera SA, Ignacio Rivera, levaba anos insistindo na "necesidade" de que se lle vendese a parcela á súa empresa, o que lle permitiría ampliar a produción anual até os 400 millóns de litros de alcohol ao ano, para o que chegou a ameazar con trasladar a factoría a outro concello que lle permitise "crecer".

Para levar a cabo esa operación urbanística foi necesario aprobar en pleno -en maio de 2017- unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co fin de que o terreo pasase a ser considerado de uso industrial-comercial, que á súa vez derivaba dun protocolo asinado entre o propio Concello da Coruña e Hijos de Rivera en marzo de 2015 e revisado en maio de 2016.

A promesa dunha reforma que non chega 

O compromiso era claro: segundo o acordo definitivo, formalizado en abril de 2018, a cidade renunciaba a unhas instalacións modernas e funcionais que empregaban diariamente 400 nenos e nenas a cambio de 4,5 millóns de euros e o compromiso de Estrella Galicia de financiar a reforma do campo de Eirís, un terreo de xogo antediluviano a anos luz en todos os aspectos do destruído na Grela.

Mais, transcorridos case dous anos, seguen sen dar comezo uns traballos de reforma que, sobre o papel, deberían estar rematados para o comezo da tempada 2018-19, hai ano e medio.

Cuestionado polas razóns desa demora, o Concello da Coruña desbota as económicas, pois explica a Nós Diario que "Hijos de Rivera entregou eses cartos no seu momento, e aínda que a anterior corporación municipal os gastou noutra cousa debido á paralización da licitación das obras polo achado de restos arqueolóxicos, os fondos están consignados nos orzamentos".

Na actualidade, o Concello sinala que o problema dos restos arqueolóxicos está solucionado, e que só falta o visto bo da Axencia Española de Seguridade Aerea (AESA) ás torres de iluminación que levará o campo, algo que agarda que suceda "en mes e medio ou dous meses" como máximo.

"Unha vez que teñamos a autorización por parte da AESA -conclúen- comezaremos o proceso de licitación, que levará uns tres meses, e darán inicio as obras de remodelación. Logo, se é posíbel, agardamos que estea todo listo durante o verán".

Comentarios