Máis de 230 clubs exercerán de embaixadores do Xacobeo

A Xunta destinará 2,5 millóns a patrocinios destas características.
Feixoo saúda a deportista olímpica Teresa Portela.  (Foto: EP).
photo_camera Feixoo saúda a deportista olímpica Teresa Portela. (Foto: EP).

Un total de 238 clubs deportivos de primeiro nivel exercerán de embaixadores da Galiza e do Xacobeo grazas ao programa de patrocinios da Administración galega, que destinará 2,5 millóns de euros en apoios ás atletas de alta competición para convertelas "nas abandeiradas da Galiza" nos principais eventos e ligas deportivas a nivel estatal e internacional.

"Queremos trasladar a marca da Galiza a todas as canchas, estadios, circuítos e pantanos onde imos competir nos próximos meses", resaltou o presidente Alberto Núñez Feixoo na firma do convenio subscrito entre o departamento de Turismo e o de Deporte do Goberno galego, que escenificaron o apoio da Xunta ao deporte de elite a través do Xacobeo nun acto que tivo lugar no día de onte na Cidade da Cultura.

Acompañados presencialmente por representantes dalgúns dos clubs que levarán nos seus uniformes o logo do Xacobeo -outros moitos seguiron o acto a través de videoconferencia-, o vicepresidente primeiro e responsábel da área de Turismo, Alfonso Rueda, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, rubricaron o convenio, que implica 2,5 millóns de euros en patrocinios ao longo deste verán e a próxima temporada 2021/22.

Todo iso para promocionar a "marca Xacobeo" e "ensinar Galiza ao mundo" agora que, segundo resaltou Feixoo, a pandemia "dá signos de debilidade" e a Comunidade galega está a punto de ter vacinada a metade da poboación".

"Esas dúas reflexións lévannos a pensar neste semestre e en 2022 como os da recuperación definitiva da vida da época precovid-19", apostilou Feixoo.

Toquio 2021

Ademais, o presidente da Xunta resaltou que os e as deportistas galegas que estarán presentes nos inminentes Xogos Olímpicos de Toquio 2021 "teñen detrás un pobo que se sente orgulloso do  que fan e que os seguirá alá onde compitan".

"Alí, nos Xogos de Toquio, Galiza, cos seus 2,7 millóns de habitantes, ten que competir con países como a China, os Estados Unidos, Alemaña, Francia... con calquera país do mundo, pero non nos imos engurrar. Porque o importante é a tenacidade, a vontade e o sacrificio", declarou un Feixoo que enxalzou o "esforzo constante" das deportistas do país.

Comentarios