SHEILA SáNCHEZ, FUTBOLISTA

"Un dos maiores problemas é a invisibilidade do deporte feminino"

Conversamos coa xogadora do FC Vorderland. A segunda futbolista profesional galega.

Sheila Sánchez
photo_camera Sheila Sánchez

Sheila Sánchez tornouse este mes de xullo na segunda futbolista galega con ficha profesional após asinar por unha tempada co Vorderland, unha equipa austríaca da segunda división da Bundesliga. 

Unha "sorpresa", recoñece, que supón unha "oportunidade" profesional única para esta deportista de elite. Porén, a fichaxe de Sánchez non ocupou grandes páxinas na imprensa hexemónica. Un dos "atrancos" cos que se atopa calquera muller, dentro e fóra do deporte. 

Conversamos con ela antes de que colla rumo a Austria para unirse á equipa. 

Como estás a viver todo isto?
A fichaxe foi unha sorpresa mais estou desexando marchar para comezar xa. Estiven alá unha fin de semana e é todo moi familiar. É totalmente diferente a aquí. 

E a lingua, como o levas?
Póñenme un profesor de inglés e de alemán. Vai ser unha experiencia única. 

Eres, após Vero Boquete, a segunda galega con ficha profesional. Imaxino que é un soño...
É. Por fin se recompensan todos os anos de esforzo e sacrificio. En España o fútbol feminino está moi pouco valorado. 

Continúan a existir moitas diferenzas a respeito do fútbol masculino?
Iso é un tema aparte. A diferenza é abismal mais alí [en Austria] está moito mellor. 

É complexo chegar a ser profesional?
É cuestión de ganas e de non ter medo. Hai quen non vai por medo a saír de aquí, a priorizar o fútbol aos estudos... 

Tiveches que renunciar a algo?
Renunciei á praza na universidade porque é unha oportunidade única. 

Continúan a haber moitos atrancos no fútbol para as mulleres?
Hoxe en día as cousas melloraron moito. Eu comecei con 5 anos e era a única rapaza que quería xogar ao fútbol na Coruña. Ningunha equipa quería fichar mozas. Só unha me deixou adestrar con eles e "se nos gustas facémosche ficha". Tiven que demostrar que valía para poder quedar. No campo preguntábanme se era unha rapaza ou un rapaz. Agora hai moitas rapazas xogando ao fútbol nas categorías inferiores. Neste senso, non sei que tería acontecido se o Orzán [a súa primeira equipa] non me tivese aberto a porta. 

"Xogar na selección galega foi o máximo"

O seleccionador español de fútbol feminino vén de ser destituído após as denuncias das xogadoras polos seus comentarios sexistas e o tratamento denigrante que recibían. Algo que tamén denunciaron, por exemplo, as deportistas do Leis 26 de Pontevedra. É algo habitual?
Persoalmente, cando eres pequena escoitas comentarios desde fóra do campo como os que che comentaba, se era unha nena ou un neno. Mais por parte dos meus adestradores e dos compañeiros nunha sufrín ningún tipo de discriminación. 

Foches xogadora da selección galega, tamén... 
Chegoume a convocatoria con 13 anos. Foi unha sorpresa e para min foi o máximo xogar, primeiro na sub'16, e desde entón en todas as categorías. Tamén en fútbol praia. 

Falta apoio institucional ao deporte feminino?
Podería apoiarse moitísimo máis e deberían visibilizalo. Ese é un dos maiores problemas. Por exemplo, na segunda división terías que destacar por riba de calquera persoa para ir á selección española. As xogadoras son sempre de primeira e moito é pola falta de visibilidade pois hai moi boas xogadoras. Ademais, hai moita xente que non sabe do fútbol femenino. Estou en segunda división e cando o digo, alucinan. É un pouco triste. 

Comentarios