O madrileño Miguel Llorente, novo adestrador do Deportivo Abanca

O seu predecesor critica as "formas" do seu adeus.
Miguel Llorente (esquerda) durante a súa etapa á fronte do FC Barcelona B. (Foto: FC Barcelona).
photo_camera Miguel Llorente (esquerda) durante a súa etapa á fronte do FC Barcelona B. (Foto: FC Barcelona).

Mareas vivas en Riazor. A marusía na que está instalado o Real Club Deportivo desde hai uns anos continúa sen dar tregua a unha institución que nesta cuarta feira anunciou Miguel Llorente como novo responsábel do Deportivo Abanca.

O técnico madrileño procede do filial do Fútbol Club Barcelona, onde militou durante as catro últimas tempadas, e esta quinta feira dirixirá a súa primeira sesión á fronte do Dépor feminino, onte tamén estará a súa segunda de a bordo, Ana González.

O seu predecesor no cargo, Manu Sánchez, criticou nunha rolda de prensa desenvolvida tamén no día de hoxe os "tempos" e as "formas" do seu cesamento como máximo responsábel do Deportivo Abanca: "Non hai nada escuro nin oculto, buscaban un cambio e eu acéptoo, pero equivocáronse cos tempos, moito, sobre todo polas formas".

A do adestrador galego non é a única figura relevante que deixa o conxunto herculino, pois Juan Ángel Barros Botana, coñecido popularmente pola parroquia branquiazul polo alcume de 'Barritos', tamén marcha do Deportivo despois de 30 anos ao seu servizo.

O até o de agora delegado do primeiro equipo masculino entrou como traballador no Dépor na tempada 1990/91, e o seu adeus enmárcase no ERE levado a cabo polo Consello de Administración deportivista para tratar de reducir custos ante a sangría económica que supón militar na Primeira RFEF. 

Alberto Rodríguez, novo xogador do Lugo

O Clube Deportivo Lugo fixo público un segredo a voces: a incorporación do xogador Alberto Rodríguez á disciplina do conxunto albivermello. O canario quega á Cidade da Muralla procedente da Unión Deportiva Tamaraceite.

Aos seus 28 anos, este contundente defensa central dá o salto de categoría despois de lograr co seu antigo club os ascensos a Preferente, Terceira e Segunda División B, onde co seu 1,93 metros de estatura por bandeira mostrouse como un dos marcadores máis sólidos do seu grupo nos 23 partidos que disputou, anotando ademais dous tantos.

Isto espertou interese de varios clubs, mais foi o Lugo o primeiro en chegar a un acordo co futbolista, que leva adestrando ás ordes Rubén Albés xa desde o pasado 9 de xullo. O seu desempeño convenceu o técnico galego, o que levou á sinatura dun contrato por unicamente unha tempada, aínda que con  posibilidade de estendelo por outra campaña máis.

A de Rodríguez é a segunda incorporación do Lugo esta semana, xa que pouco antes que a do canario oficializaron a fichaxe de Óscar Whalley, porteiro aragonés de 27 anos cunha ampla traxectoria en clubs como Real Zaragoza, Sociedade Deportiva Huesca, Real Sporting de Xixón, Club Deportivo Castellón, o Aarhus danés ou o OFI Creta grego.

José Fontán, celeste por cinco anos máis

Un dos xogadores máis prometedores da canteira do Real Club Celta de Vigo, o vilagarcián José Fontán, seguirá vestindo de celeste durante -polo menos- cinco anos máis. 

O defensa central, que chegou ao club no ano 2011 sendo tan só un Alevín, asinou a extensión do seu contrato xunto co presidente do club, Carlos Mouriño, e agarda continuar cunha progresión que xa o levou a disputar co primeiro equipo 17 partidos na tempada do seu debut.

Comentarios