3-2

O Madrid frea o Dépor no tempo de compensación

Aínda que asinou unha gran primeira parte, o Deportivo non foi quen de traer do Bernabeu punto ningún. Os de Gaizka Garitano chegaron a darlle a volta ao marcador e deixaron un gran sabor de boca nun partido en que a actuación arbitral foi fortemente criticada.

[Imaxe: Deportivo]
photo_camera [Imaxe: Deportivo]

Por vez primeira, o conxunto galego repetía once inicial, os mesmos xogadores que a pasada segunda feira lle anotaban cinco tantos á Real Sociedade. O encontro comezou igualado no Bernabeu e até pasados os dez primeiros minutos non chegaron as primeiras ocasións.

A oportunidade máis clara chegou no minuto 29, cando Celso Borges a piques estivo de bater Keylor Navas. O porteiro do Madrid desviaba a saque de recuncho o remate, aínda que o colexiado, nunha das múltiplas xogadas contestadas pola afección deportivista, pitou saque de porta. Minutos após eran os locais quen probaban sorte na área do Dépor, cun Sidnei providencial que se adiantaba a Morata.

No minuto 35, de novo Borges tivo ocasión de marcar, mais atopouse co poste ao cabecear unha falta lanzada por Emre Çolak. O descanso chegaba con táboas no marcador.

De volta dos vestiarios, no minuto 50, o Madrid adiantouse grazas a Morata, que superou a Tytón cun disparo afastado. Pouco após, no minuto 63, grazas a unha rápida combinación no mediocampo, Andone recuperou un balón que conectou con Carles Gil e este con Joselu. Era o 7 do Dépor que lanzaba un zurdado que atravesaba a escuadra de Keylor Navas.

Segundos máis tarde, Andone desbordaba polo extremo dereito e puña o balón na entrada da área, onde Joselu se adiantaba a Sergio Ramos. O deportivista superou o porteiro do Madrid por debaixo das pernas.

A partir de entón, os locais trataron de ir cara a arriba, mais foron incapaces de crear ocasións claras. Porén, o empate chegou a raíz dun centro de Lucas Vázquez que Mariano rematou con moitísima fortuna coas costas. O terceiro gol chegaba a balón parado, tras un saque de recuncho de Toni Kroos cabeceado por Sergio Ramos.

Real Madrid: Keylor Navas, Danilo (Marcelo, min. 81), Pepe, Sergio Ramos, Nacho, James, Casemiro, Kroos, Asensio (Lucas Vázquez, min. 66), Morata e Isco (Mariano, min. 72).

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Carles Gil, Emre Çolak (Joselu, min. 58), Babel (Fayçal Fajr, min. 82) e Andone (Pedro Mosquera, min. 75).

Goles: 1-0 Morata (min. 50); 1-1 Joselu (min. 63); 1-2 Joselu (min. 65); 2-2 Mariano (min. 84); 3-2 Sergio Ramos (min. 90+2).

Árbitro: Jaime Latre (c. aragonés). Tarxeta amarela a Borges (min. 25), Babel (min. 45), Albentosa (min. 59), Morata (min. 70), Sergio Ramos (min. 88) e Keylor Navas (min. 88).

Comentarios