O Madeira, rival do Guardés nos cuartos da Copa Europea

A ida terá lugar na illa lusa o 11 de febreiro.
Con permiso do Benfica, o Madeira é o mellor equipo de Portugal. (Foto: Mareira Andebol).
photo_camera Con permiso do Benfica, o Madeira é o mellor equipo de Portugal. (Foto: Mareira Andebol).

O Mecalia Atlético Guardés xa coñece a súa folla de ruta de cara a unha hipotética final da Copa Europea de balonmán. A EHF, o organismo reitor do deporte a nivel continental, sorteou onte en Viena os emparellamentos de cuartos de final e os cruces resultantes en semifinais, e a sorte quixo que a escuadra miñota colisione coa portuguesa do Madeira. En caso de superar a antepenúltima rolda medirase ao gañador do duelo entre o Elxe e o Xixón na antesala da loita polo título.

Así, o grupo que dirixe Abel González afrontará o primeiro partido da eliminatoria na illa lusa o próximo 11 de febreiro. A volta levarase a cabo sete días despois na Sangriña. De clasificarse, as semifinais serían o 18 e o 25 de marzo, mentres que a final, tamén a dobre partido, está programada o 29 de abril e o 6 de maio.

Un rival "moi competitivo"

Pero iso aínda queda moi lonxe. O primeiro paso está no medio do Atlántico, en Funchal, onde xa está enfocado un Guardés que alcanzou os cuartos de final após apear da Copa Europea o Juro Unirek VZV dos Países Baixos e o H71 das Illas Feroe. 

Nesta ocasión terá enfronte un rival "moi competitivo", tal e como o definiu Abel González. O equipo madeirense é cuarto na súa liga, pero porque ten tres encontros pendentes de disputar, xa que gañou os sete que xogou e será un serio contendente ao título para un Benfica que vén de ser eliminado da Copa Europea a mans do Antalya turco. 

Até o de agora, a entidade insular mostrouse como unha formación moi dominadora e perigosa. Non por nada conta nas súas filas con cinco internacionais portuguesas, compañeiras de selección das guardesas  Patrícia Lima, Sandra Santiago e Carolina Silva. Unha delas é unha vella coñecida, Érica Tavares, que militou no Balonmán O Porriño. 

Todo isto levou ao técnico do conxunto do sur da Galiza a afirmar que o Madeira é "un equipo moi duro", polo que "custará sacar adiante a eliminatoria". "Ten moi boas xogadoras, boa pivote, boa porteira, as extremos teñen calidade... non nos van a poñer as cousas fáciles, por iso xa estamos a buscar toda a información que sexa posíbel para poder preparar ben a eliminatoria. Será importante para superala", concluíu.

Comentarios