Má xornada para as equipas galegas en Segunda

Má xornada para as equipas galegas en Segunda. O Lugo caeu este sábado no Anxo Carro (1-2), após encaixar senllos goles en xogadas a balón parado (unha falta e un penalti). O Deportivo bateu co árbitro este domingo no Molinón (2-0). Un penalti inxusto tombou aos de Fernando Vázquez.

Xixón-Depor
photo_camera Momento en que o Dépor encaixa o gol de penalti

Fútbol académico do Deportivo na primeira metade fronte o Sporting de Xixón. A súa boa organización defensiva, cun estupendo Bergantiños en función de defensa central, foi máis que suficiente para manter a súa portería intacta e para prodigar algún contra-ataque, cun perigo máis aparente do que real.

Na segunda parte, un erro arbitral -un penalti inexistente pitado a Luisinho no flanco esquerdo da área deportivista- desequilibrou o encontro. O Deportivo, co 1-0 en contra, non foi quen de se refacer, tal e como xa lle acontecera nas derrotas en Riazor face Córdoba e Murcia. O árbitro puido compensar, mais non quixo, ao non punir a equipa xixonesa cun clarísimo penalti por derrubo de Juan Carlos no tramo final do encontro.

O fútebol espumeante de Rudy parece só iso, espumeante. Tan espumeante como inocuo

É evidente que é moi cedo para tirar conclusións definitivas a respeito da equipa en xeral e dalgúns dos seus futbolistas en concreto. Estamos a falar dun once absolutamente novo, de futbolistas que aínda non se coñecen ben e que teñen aínda por asimilar nocións básicas de como entende o fútebol o seu treinador.

Mas, sendo isto certo, si que hai síntomas preocupantes. Por exemplo, o fútebol espumeante de Rudy parece só iso, espumeante. Tan espumeante como inocuo. O hiperactivismo de Culio talvez debería acougar un chisquiño. De verdade é preciso que bote el todas as faltas?

No positivo, a impresión de que Borja Bastón é un futbolista con facilidade para o remate e para o fútebol combinativo. Mágoa que tampouco tivese moito co que combinar. Arizmendi continúa desaparecido.

En definitiva, terceira derrota do curso e primeira fóra da casa. 5 xogos disputados. 6 puntos. E o domingo agarda o perigoso Alcorcón. Comeza a ser urxente cambiar a dinámica en Riazor.

Sporting de Gijón: Cuéllar, Luis Hernández, Mandi, Bernardo, Alex Barrera, Lora, Scepovic, Isma López, López Garai, Hugo Fraile (m. 62, Carmona) e Bustos (m. 66, Casquero).

Deportivo: Lux, Laure, Insua, Alex, Luisinho (m. 78, Juan Carlos), Wilk (m. 75, Luis), Juan Domínguez, Arizmendi, Rudy (m. 62, Manuel Pablo), Culio w Borja.

Goles: 1-0, m. 61: Scepovic, de penalti; 2-0, m. 68: Álex Barrera.

LUGO-GIRONA (1-2)

O Lugo foi superior ao Girona nos primeiros 45 minutos, en que obtivo unha vantaxe parcial grazas ao acerto dun Rennella que se mantén en estado de graza (1-0, m. 14).

Houbo cambio de decoración na segunda parte, cun Girona que posicionalmente dominou o xogo e puxo a proba en diversas ocasións a Dani Mallo, o garda-redes coruñés do Lugo (que xogaba fronte aos seus ex-compañeiros).

O Girona non foi quen de bater a Dani Mallo -o mellor con moito da súa equipa- coa bola xogada

Porén, o Girona non foi quen de bater a Mallo -o mellor con moito da súa equipa- coa bola xogada. Tivo que recorrer ao balón parado para furar a baliza luguesa. O 1-1 chegou cunha falta directa cobrada por Timor no minuto 53. Unha penalidade máxima, que se saldou tamén coa expulsión de Álvaro Peña, selou o encontro. O penalti transformouno F. Sanchón (m. 86).

Á conclusión do quinto xogo do campionato, o Lugo suma 7 pontos, unha boa bagaxe para unha equipa que ten a permanencia como obxectivo.

Lugo: Dani Mallo; De Coz, Pavón, Víctor Marco, Manu; Pita (Rafa García, m. 74), Seoane, Iván Pérez (Sandaza, m. 63); P. Sánchez, Iago Díaz (Álvaro Peña, m. 83) e Rennella.

Girona: Becerra; I. López, Migue, Carles Mas, Junca; Matamala, TImor, Eloi (P. Pons, m. 83); Bordas (Jofre, m. 80), F. Sanchón e Carmona (Juanlu, m. 70).

Goles: 0-1, m. 14: Renella; 1-1, m. 53: Timor; 1-2, m. 86: F. Sanchón.

Comentarios