CD Lugo: Luís Cesár xoga o posto ante o segundo clasificado

O foco da xornada estará no choque entre Lugo e Mallorca, que podería acabar con Luís César fóra do banco albivermello, mais a fin de semana futbolística tamén deparará un interesante duelo Celta-Sevilla na Primeira División e seis partidos lonxe das súas casas para os galegos na categoría de bronce.
De non conseguir os tres puntos, o conxunto albivermello rachará co seu actual récord de partidos sen gañar na Segunda División. (Foto: CD Lugo).
photo_camera De non conseguir os tres puntos, o conxunto albivermello rachará co seu actual récord de partidos sen gañar na Segunda División. (Foto: CD Lugo).

Disque segundas partes nunca foron boas, unha afirmación que no mundo do fútbol, e en especial no referente aos adestradores, parece tornar case en axioma, pois os exemplos ao longo da historia son practicamente innumerábeis. O holandés Louis Van Gaal no Barcelona ou Fabio Capello no AC Milan son dous dos máis recorrentes nunha listaxe na que podería entrar esta mesma fin de semana Luís César Sampedro.

O de Vilagarcía, que na tempada 2016/17 obtivera o mellor resultado histórico do Club Deportivo Lugo -novena posición final-, respondeu á chamada do presidente Tino Saqués para dirixir a nave albivermella logo do sorpresivo despedimento de Mehdi Nafti cando o equipo contaba cun sólido colchón de seis puntos sobre os postos de descenso. 

Lamentabelmente, os resultados do cambio, até o de agora, non puideron ser peores. Lonxe de retomar unha senda da vitoria perdida nas últimas semanas do franco-tunesino, Luís César acumula seis partidos sen gañar, igualando o rexistro histórico  do club sen sumar os tres puntos, o cal podería superar de non ser quen de imporse ao Mallorca mañá ás 18.15 horas.

O desafío non podería ser máis complicado, pois a escuadra balear ocupa a segunda posición na táboa e a galega adoita baixar as súas prestacións lonxe do Anxo Carro. Mais existen razóns para o optimismo, pois A Ensaimada Mecánica atópase inmersa no seu peor momento da tempada  e tan só foi quen de gañar un partido dos últimos cinco. Ademais, Sampedro é consciente de que de non conseguir volver das illas cun triunfo hai moitas posibilidades de que Saqués tome unha medida para a que non adoita ter moitos reparos, como é o cambio de adestrador, polo que o Lugo sairá desde o principio a procurar a portaría rival.

O Chacho busca o desquite da súa estrea celeste

Como pasa o tempo. O seu impacto na afección e no Celta como institución foi tal que parece que leva toda a vida á fronte do club, mais a realidade é que o encontro ante o Sevilla previsto para as 21 horas desta segunda feira, 12 de abril, dálle a posibilidade ao preparador arxentino de desquitarse da derrota sufrida ante o conxunto hispalense no que foi o seu primeiro partido como técnico celeste, aló polo mes de novembro.

Se a Liga comezase naquel momento, e o equipo non tivese que cargar coa pesada mochila das pésimas primeiras xornadas baixo a dirección de Óscar García Junyent, o Celta ocuparía unha sexta posición que dá acceso a Europa e á que o capitán, Iago Aspas, se resiste a dicir adeus a pesar de que están situados a nove puntos.

Non obstante, para iso terá que pasar por enriba do seu ex equipo, un óso duro de roer inmerso na loita por unha praza na vindeira edición da Liga de Campións, e todo co hándicap que representan as numerosas baixas que, salvo milagrosa recuperación de Araújo, obrigarán Coudet a contar de inicio co canteirán José Fontán. 

Nin un choque de Segunda B na Galiza

Os seis representantes galegos na categoría de bronce xogarán os seus partidos desta xornada lonxe do país. Así, o filial celeste visita o campo da Cultural Leonesa (mañá, 18 horas) co obxectivo de recuperar os puntos perdidos a pasada semana. 

Tamén mañá continúan Rácing, Dépor e Compos a súa loita por estar na nova Primeira RFEF, enfrontándose respectivamente co Numancia de Soria (12 horas), a UP Langreo e o Marino de Luanco (ambos os partidos ás 17 horas).

Finalmente, Pontevedra e Coruxo viaxan até Xixón e Villaviciosa para tratar de superar o Sporting B e o Lealdade en senllos choques que se disputarán ás 12 horas de mañá.

Comentarios