O estilo do novo adestrador do Lugo

Luís César, o valor do método

O CD Lugo vén de asinar por unha temporada, con opción a outra, a Luís César Sampedro. O adestrador arousán é un clásico dos bancos na Segunda División e chega ao conxunto do Anxo Carro co obxectivo de manter a categoría.

Luis-César-Sampedro5
photo_camera Luís César nun partido co Albacete. Foto: La Liga

Luís César chega a Lugo após dun ano convulso no seo do club, no que nin Luís Milla nin José Durán conseguiron estabilizarse no posto. Precisamente para acadar tranquilidade chega Luís César a Lugo, e tamén para rematar de borrar a alargada sombra de Quique Setién.

Con Setién, O CD Lugo adquiriu un estilo inconfundíbel: Combinativo e de bo xogo, elevado á máxima expresión. O conxunto ascendeu e asentouse nunha Segunda División volátil na que o máis complicado é aguantar nesa terra de ninguén afastada de ascensos e descensos. Mais a característica definitoria do equipo neste período foi o bo xogo e aquí é onde entra a figura de Luís César Sampedro.

Experiencia

Luís César é currículum. O arousán deuse a coñecer recén estreado o novo século cun Rácing de Ferrol nobel na categoría de prata. O seu traballo durante aquela época non pasou desapercibido, xa que mantivo aos da Malata durante tres tempadas, descendendo na cuarta, para logo volver ascender no curso vindeiro. Foi protagonista na mellor etapa da historia do Rácing de Ferrol e dispúxose a facer o propio no seu seguinte destiño: En dúas tempadas levou a un Nástic de Tarragona recén ascendido a Segunda, á elite do fútbol español. O final foi abrupto após dun mal inicio en Primeira.

Esta foi a idade dourada do adestrador. Despois desa destitución en Tarragona pasou polo Poli Ejido con mal resultado. Menos dunha tempada no clube andaluz, para voltar ao Nástic nunha mala situación mediado o curso para salvalos de caer a Segunda B en 2010, mais con malos resultados no ano seguinte que provocaron outra destitución. Logo será contratado polo Alcoiano para salvar a categoría en Segunda División, mais non consegue o complicado obxectivo.

Antes de convertirse nun adestrador salvador, daqueles que afloran nas últimas xornadas de todas as competicións, Luís César dá un paso atras para dar outros dous cara diante. Asina polo Albacete na Segunda División B, en marzo de 2013, e ascende ao clube no seguinte curso. Mantense o primeiro ano, mais nesta última temporada 15-16 é relevado do posto no mes de marzo cando ían vixésimos. O club non salvou a categoría co cambio.

Método

Un adestrador en eterno proceso. Luís César é un apaixoado da formación e do fútbol como teoría. Tremendamente analítico, centra a súa atención en todos os aspectos que rodean ao xogador e ao conxunto e que poden afectar no seu rendimento. O partido do domingo é consecuencia de todo o que pasa durante as 24 horas dos días da semana.

Práctico e directo nos seus comezos, foi evolucionando cara un xogo combinativo e ambicioso dende a súa chegada a Tarragona. Varias etapas como salvavidas de clubes en apuros certificaron a súa idea de que todo vale se se consegue a vitoria, mais non todo vale para conseguila. Luís César non renuncia ao bo xogo, mais adapta estilos. Camaleónico como poucos, analiza os xogadores e mimetízase coa identidade e os valores do club ao que adestra.

Na súa última etapa en Albacete demostrou o seu carácter e a súa intención de gañar mediante un avance controlado, grazas ao dominio do esférico. A posesión en campo propio, saíndo xogando cos centrais foi unha característica moi presente no conxunto manchego, cun toque de verticalidade segundo avanzaban metros no campo contrario. O xogo viuse perxudicado por momentos polos malos resultados deste último ano, mais mantivo o estilo na pasada temporada, após dunha mala primeira volta que conseguiu enmendar.

Comentarios