A luguesa Adiaratou Iglesias medalla de ouro en Toquio

A atleta gañou nos 100 metros da clase T13
A velocista fixo un tempo de 11.96 superando a Lamiya Valiyeva (Karl-Josef Hildenbrand / Dpa).
photo_camera A velocista fixo un tempo de 11.96 superando a Lamiya Valiyeva (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / Dpa).

A atleta de Lugo Adiaratou Iglesias proclamouse esta terza feira campioa paralímpica dos 100 metros T13 nunha espectacular carreira na que marcou un tempo de 11.96, por diante da acerbaixana Lamiya  Valiyeva, prata, e a estadounidense Kym  Crosby, bronce. Este ouro é o segundo conseguido pola delegación galega despois do que gañou o pasado sábado a viguesa Susana Rodríguez.

Adiaratou asegurou nada máis rematar que "esta carreira foi moi dura polo nivel que houbo" e a súa primeira lembranza dedicouna cara a súa nai galega. 

A galega era seguramente a gran favorita do hectómetro da clase T13, na que a situaron tras a pandemia por ter un rango de visión diferente. A pesar diso, presentábase en Toquio como a máis rápida do ano e como a única de baixar dos once segundos (11.83), mais topouse cunha rival inesperada coa forte choiva que azoutou durante un tramo da tarde a capital xaponesa.

A pesar de ser a máis rápida no tempo de reacción, Iglesias non saíu do todo ben e tivo que ir de menos a máis para terminar remontando e conquistar con 11.96 unha medalla de ouro moi disputada, xa que a segunda clasificada, a acerbaixana  Lamiya  Valiyeva, quedou a só tres centésimas de arrebatarlle a gloria.

Unha historia de loita e superación

Adiaratou Iglesias naceu en Bamako, Malí, en 1999. Ao ter   albinismo, padeceu unha redución de pigmento melánico que lle afectou á visión, quedando con menos dun 20% de capacidade visual. Nese país ser albina é símbolo de mala sorte polo que de pequena non tivo vida social. 

De familia musulmá, o seu pai tiña tres mulleres e a súa nai, xordomuda, era a máis nova delas e tivo nove fillos. Con 11 anos chega a Logroño para vivir cun familiar e rematou nun centro de acollida de menores onde coñeceu á María Lina Iglesias, profesora de maxisterio en Lugo, que decidiu adoptala. Nesa cidade interésase polo atletismo e progresa até o punto de gañar varios campionatos galegos de 100 e 200 metros fronte a deportistas sen discapacidade.

No Mundial de Dubái, nos Emiratos Árabes Unidos, en 2019 foi subcampioa en 100 e 200 metros e este ano, no Europeo de Bydgoszcz, Polonia, foi dobre campioa continental en ambas as distancias.

Comentarios