O Lugo volve petar na porta do descenso

As restricións impiden que poidan expresar os seus sentimentos nas bancadas do Ángel Carro, como sería o normal, mais as redes sociais evidencian que a presión social por parte da afección albivermella para que se produza un cambio de rumbo nun CD Lugo que pasou en apenas dous meses de albiscar os postos de ascenso a Primeira División a descomporse deportivamente ante os seus ollos resulta abafante.
 
O dianteiro lucense Carrillo, desesperado logo de que o conxunto balear materializase o segundo e definitivo tanto do partido (2-0). (Foto: La Liga).
photo_camera O dianteiro lucense Carrillo, desesperado logo de que o conxunto balear materializase o segundo e definitivo tanto do partido (2-0). (Foto: La Liga).

A gota que rebordou o vaso da paciencia da parroquia lucense foi a derrota, outra máis, e van catro seguidas, ante o Real Club Deportivo Mallorca (2-0).

Se ben ese resultado podería entrar dentro da normalidade competitiva que supón xogar ante un dos dous mellores equipos da categoría, e con moita diferenza sobre o resto, a indignación, máis que no resultado, radica en como se produciu o mesmo, pois os albivermellos ían por detrás no marcador xa no segundo 54 de partido e en ningún momento transmitiron a sensación de poder remontar.

Aínda que -como se encargou de lembrar Luís César na rolda de prensa posterior ao encontro- tiveron en contra unha arbitraxe moi caseira, que mesmo omitiu un claro penalti na área mallorquina no que o VAR, igual que pasa en Primeira, volveu favorecer o equipo grande, o maior problema dos galegos non foi o home do chifre, senón unha inoperancia ofensiva case á altura da súa debilidade defensiva.

Luís césar suma a cuarta derrota seguida e encende todas as alarmas

A pesar do cambio táctico a un 4-4-2 máis tradicional, Sampedro segue sen dar coa tecla para reconducir un Lugo que marcha costa abaixo e sen freos, e desde a súa chegada a situación non fixo máis que empeorar, pois sumou tan só tres puntos de 21 posíbeis, unhas cifras incompatíbeis coa permanencia en calquera división futbolística. Na Coruña, onde a etapa do de Vilagarcía como técnico finalizou abruptamente logo dunha única vitoria en once partidos, poden dar boa fe.

Por iso resulta aínda máis soprendente que o presidente Tino Saqués, home de gatillo fácil en canto a adestradores se refire, como acredita o feito de que desde a súa chegada a Lugo, de media, cambia de preparador cada 18 partidos, aínda non apostase por un relevo para Luís César, e máis tendo en conta que as súas cifras son moito peores que as do seu predecesor no cargo, Mehdi Nafti -cinco derrotas en 22 partidos fronte a catro en sete- e mesmo ás do técnico que iniciou a tempada e que foi cesado xa na quinta xornada, Juanfran García. 

Pontevedra e Coruxo complícanse a vida 

Con respecto á categoría de bronce, nin Pontevedra nin Coruxo, representantes galegos no grupo por eludir a Terceira División e xogar a vindeira tempada na nova Segunda RFEF, foron quen de superar con vitoria os seus compromisos.

Os granates, logo do triunfo da pasada xornada ante o Covadonga, empataron (1-1) co filial do Sporting de Xixón e ven como a súa vantaxe sobre o Oviedo B na clasificación desaparece.

Pola súa banda, o Coruxo volveu deixar escapar os tres puntos, esta vez ante o Lealtad de Villaviciosa (0-0) e agarda reconducir a situación e, de paso, facerlle un favor aos seus veciños a vindeira xornada ante o segundo equipo ovetense.

O Celta B logra o único triunfo nunha dura xornada para Galiza

O resultado do choque entre Celta e Sevilla disputado na noite de onte, e do que os horarios da Liga de Fútbol Profesional nos impiden dar a debida cobertura nestas páxinas, determinará o balance final que da fin de semana faga a parroquia celeste. Mais, independentemente do que os do Chacho sexan quen de facer ante o conxunto hispalense, deben sacar peito polo espectacular rendemento do seu filial, que logrou a única vitoria da xornada con selo galego ante a Cultural Leonesa (0-3) cunha espectacular actuación de Solís, que asinou un hat-trick.  Con este resultado reengánchase á loita polo ascenso, mais coa cautela que impón a inminente visita a Balaídos do indiscutíbel líder da categoría, o Burgos.

No grupo 1-C, o Deportivo da Coruña tamén parecía claro dominador até a súa inesperada derrota co Langreo en Asturias (0-1), o que en combinación co tropezo do Rácing de Ferrol ante o Numancia (3-1) deixa o bloque por xogar o ano que vén na Primeira RFEF máis aberto que nunca, tamén na súa zona baixa, pois o Compostela non puido pasar do empate (0-0) ante o fechacancelas Marino e está xa a seis puntos do Dépor.

Comentarios