A previa

O Lugo vista o Zaragoza baixo a sombra da marcha de Rubén Albés

O técnico do conxunto albivermello anunciou o seu adeus.
A continuidade de Albés no Club Deportivo Lugo a próxima campaña é aínda unha incógnita.
photo_camera Albés non seguirá á fronte do Lugo (Foto: La Liga).

Confirmado. O Club Deportivo Lugo oficializou esta quinta feira a marcha do técnico Rubén Albés en canto remate a presente tempada, un segredo a voces que porá fin ao breve pero exitoso ciclo do preparador vigués á fronte da escuadra albivermella.

Albés chegou a Lugo na xornada 36 da pasada tempada, co equipo situado en postos de descenso a Primeira RFEF. Sumido nunha terríbel xeira de 18 partidos sen coñecer a derrota, foi chave nunha reacción de última hora que levou o club a sumar 10 puntos dos últimos 12 posíbeis, abondo para certificar unha salvación in extremis.

Xa esta campaña, e a pesar de perder no mercado invernal dous activos de alto nivel como Hugo Rama ou Gerard Valentín, logrou a primeira permanencia tranquila en catro anos, no que será o seu último servizo á causa albivermella.

"Nunca estiven máis de dúas  tempadas seguidas en ningún club", dixo Rubén Albés na rolda de prensa previa ao partido contra o Zaragoza, que pasou a un segundo plano logo de coñecerse a nova do seu adeus. "É unha decisión miña, sinto que o meu ciclo neste equipo, onde tan respectado e valorado me sinto, debe finalizar, pero loitar por dúas permanencias significa moito desgaste, e eu implícome moito persoalmente", engadiu un Albés que non recoñeceu ter xa club para a tempada 2022/23.

O Lugo visita Zaragoza cun "título" en xogo

O Club Deportivo Lugo visita esta sexta feira a icónica Romareda de Zaragoza (21 horas) para pór feche á súa travesía como visitante nunha tempada 2021/22 que encara a súa penúltima xornada.

Lonxe quedan os tempos de gloria dun conxunto maño que levantou unha Recopa e seis Copas do Rei, entre outros títulos estatais e internacionais. Sumido no pozo da Segunda División desde o ano 2013, só lle quedan as lembranzas doutras épocas nas que vestiron a camiseta co escudo do león rampante xogadores do calibre de David Villa, os irmáns Milito, Poyet, Señor, Pardeza, Rijkaard, Cafú, Ander Herrera ou Savo Milošević.

Hoxe, a única aspiración dos Vada, Narváez, Álvaro e compañía é a permanencia, algo que certificaron a pasada fin de semana, exactamente igual que o Club Deportivo Lugo.

Non obstante, esta non é a única similitude entre lucenses e zaragozanos, pois ambos comparten, con 20, o título oficioso de "rei do empate" da Segunda División. Minguado desde que en 1995 a Liga de Fútbol Profesional adoptara o sistema de tres puntos por triunfo -co antigo formato o Zaragoza ascendería da décimo cuarta até a novena posición na táboa, mentres que o Lugo pasaría de ser décimo sexto a duodécimo-, o feito de que afronten este partido coa tranquilidade de saberse salvados abre opcións para que os seus técnicos, Juan Ignacio Martínez e Rubén Albés, aparquen o seu habitual conservadurismo e o público poida gozar dun choque máis aberto e vistoso que non remate -como o partido de ida- nunhas táboas eslamiadas.  

As expectativas dentro do seo albivermello ante o choque son positivas, pois tal e como sinalou Alberto Rodríguez -no marco da entrega do premio que o distinguiu como mellor xogador do Club Deportivo Lugo no mes de abril- "o Zaragoza é un gran equipo, moi perigoso nas transicións", pero tanto el como os seus compañeiros queren "fechar a campaña fóra da casa cos tres puntos".

Na mesma liña falou o lateral Ricard Sánchez: "Como sempre, iremos a pola vitoria, porque a tempada foi moi boa e queremos rematala deixando un bo sabor de boca na afección".

Un 'café' albivermello para Gonzalo

Moi, moi pouco antes de que a irrupción da pandemia da Covid-19 cambiara as nosas vidas, o 20 de febreiro, Nós Diario publicaba unha reportaxe na que se daba a coñecer a pequena gran historia de Gonzalo Bobadilla, un cidadán arxentino sen ningunha vinculación persoal ou familiar coa Galiza que namorou do Club Deportivo Lugo grazas a un dos videoxogos futbolísticos máis populares de todos os tempos, o PC Fútbol 6.0.

Agora, Gonzalo, que ten o soño de visitar a cidade da Muralla e seguir ao vivo as evolucións do equipo dos seus amores, lanza unha iniciativa para facelo realidade e que demanda a colaboración de toda a parroquia lucense. 

Trátase dunha campaña de micromecenado a través da plataforma Ko-fi na que, quen así o desexe, pode pagarlle "un café" virtual a Gonzalo, algo que, recoñece a este xornal, dáballe "vergoña", pero afeccionadas coas que mantén contacto sobre todo a través de Twitter animárono. "As persoas poden colaborar a partir de dous euros, e xa levamos 164 achegas recibidas, non teño palabras para agradecer á xente de Lugo", di.  

Comentarios