O Lugo visita un Eibar 'moi galego' coa ameaza de caer en postos de descenso

Catro ex deportivistas, tres antigos xogadores do Lugo e dous que militaron no Celta forman parte da disciplina armeira.
Salvo sorpresa, o porteiro arbense Yoel será suplente no Eibar logo de perder a titularidade a mans de Luca Zidane hai dúas semanas. (Foto: La Liga).
photo_camera Salvo sorpresa, o porteiro arbense Yoel será suplente no Eibar logo de perder a titularidade a mans de Luca Zidane hai dúas semanas. (Foto: La Liga).

A Segunda División arrancou no día de esta terza feira unha xornada intersemanal na que o único representante galego, o Club Deportivo Lugo, entrará en xogo esta cuarta feira ás 19 horas da tarde na casa do Eibar.

Ipurua é un dos campos máis complicados da categoría, como demostra o feito de que o conxunto local aínda non perdeu nin un só partido no que vai de campionato. Alí é onde a Sociedade Deportiva Eibar, quinta clasificada con 22 puntos -a só catro dun liderado que comparten As Palmas e Alavés- está ofrecendo a súa mellor versión, pois sumou catro vitorias e dous empates nos seis encontros que leva disputados en Euskadi.

Dentro do bo rendemento xeral que está a exhibir a escuadra armeira teñen moito peso unha serie de nomes vinculados coa Galiza dun ou outro modo, comezando polo porteiro arbense Yoel, quen perdeu a titularidade en favor de Luca Zidane -o fillo do campión do mundo e de Europa- hai dúas semanas, logo de caer ante o Sporting de Xixón por 2-0.

Con el están catro ex deportivistas (Quique González, Ager Aketxe, Peru Nolaskoain e o técnico Gaizka Garitano), un antigo centrocampista do Celta (Álvaro Vadillo) e tres homes que formaron parte do cadro de xogadores do Lugo: Venâncio, Cantero e Rahmani.

O gol, aliado do Club Deportivo Lugo

A pesar da evidente diferencia de orzamentos e na situación na táboa clasificatoria de ambos os equipos -o Lugo, con 13, está empatado a puntos cunha Ponferradina que marca o límite do descenso a Primeira RFEF-, a escuadra lucense ten motivos para o optimismo, e un deles é a súa facilidade para anotar fóra da casa, algo que fixo en todas as súas saídas até o de agora. 

Porque, tal e como salientou o técnico Albivermello, Hernán Pérez, o Eibar está "chamado a estar nos postos altos, como candidato máximo ao ascenso que é", mais mostrouse confiado en que o Lugo "fará todo o posíbel" para plantar cara e gañar un duelo no que formará, se non hai novidades de última hora, con Whalley na portería; Zé Ricardo, Alberto Rodríguez, Xavi Torres e Loureiro en defensa; Juanpe, El Hacen, Cuellar, Señé e Sebas na medular; e con Chris Ramos no ataque.

Comentarios