Un Lugo totalmente renovado na procura da tranquilidade

O conxunto albivermello busca non pasar apuros.
A presenza da afección no Ángel Carro volverá ser un factor diferencial. (Foto: EP).
photo_camera A presenza da afección no Ángel Carro volverá ser un factor diferencial. (Foto: EP).

Ano X na categoría de prata para un Club Deportivo Lugo que procura alcanzar o valor máis importante no mundo do fútbol: a tranquilidade. Logo de tres salvacións agónicas de modo consecutivo, o conxunto albivermello aspira a non pasar moitos apuros.

A pesar de contar cun dos límites salariais máis baixos da categoría, o novo director deportivo lucense, Mauro Pérez, conseguiu fechar numerosas incorporacións que teñen a obriga de ocupar o espazo deixado por algúns dos homes con máis peso na pasada campaña, como El Hacen, Cantero, Rodríguez, Venancio, Djalo, Cristian Herrera ou Luís Ruiz, que contaron con minutos con todos e cada un dos catro adestradores que ocuparon o banco albivermello na 2020/21.

O último deles continúa a ser o seu actual inquilino, Rubén Albés, quen conseguiu a salvación logo de sumar contra todo prognóstico 10 puntos de 12 posíbeis nos derradeiros catro partidos de Liga. O vigués de 36 anos ten por diante o difícil reto de converterse no primeiro técnico do Club Deportivo Lugo que remata unha tempada completa desde que Francisco o lograse na 2017/18. Nos exercicios seguintes, até oito adestradores diferentes -Javi, Monteagudo, Eloy Jiménez, Curro Torres, Juanfran, Nafti, Luís César e o propio Albés- desfilaron por un posto máis inestábel que a cotización das criptomoedas, dada a volatilidade do carácter do máximo responsábel do club, Tino Saqués.

Para iso poderá contar con algúns dos homes chave na milagre da fin de tempada pasada,  como Gerard Valentín, Hugo Rama ou Manu Barreiro. Ademais, tamén continúan o trío de capitáns -Pita, Seoane e Iriome, que suman 30 temporadas no primeiro equipo entre os tres- e unha miscelánea de novos talentos con veteranos con ampla experiencia na categoría, como poden ser Diego Alende (24), Canella (33), Escobar (23), Carrillo (27) ou Xavi Torres (34).

Xunto a eles, unha serie de fichaxes nas que se nota a man de Rubén Albés, pois algúns deses nomes xa coincidiron con el na súa etapa como adestrador nas canteiras de Valladolid e Celta, como é o caso do talentoso mediapunta Josep Señé e do polivalente Juan Antonio Ros (Celta B), así como do estremo de 24 anos David Mayoral, un dos seus futbolistas fetiche, a quen tivo ás súas ordes no Valladolid Promesas, no UCAM Murcia, o Hermannstadt romanés e agora no Club Deportivo Lugo.

Os outros homes que defenderán as cores albivermellas por primeira vez nesta campaña serán os de Whalley -porteiro maño que ten a difícil misión de tapar o xigantesco oco deixado por Ander Cantero-, Alberto Rodríguez, Joselu e Jaime Cuellar. Rodríguez, pola súa banda, é un central que triunfou no Tamaraceite canario é que aos seus 28 anos recibe a súa primeira oportunidade no fútbol profesional; Joselu, un vello coñecido da parroquia lucense e un goleador de garantías; e Cuellar, un estremo boliviano formado na canteira do Barça.

Comentarios