Lugo recupera este domingo o clásico 'Corre con Nós'

O circuíto concentrarase nunha soa xornada que terá lugar este domingo. A proba comeza ás 12 horas coa categoría mini.
A carreira 'Corre con Elas' do circuíto 'Corre con Nós' de 2018 (Foto: Concello de Lugo).
photo_camera A carreira 'Corre con Elas' do circuíto 'Corre con Nós' de 2018 (Foto: Concello de Lugo).

O clásico circuíto 'Corre con Nós' volta este domingo ás rúas de Lugo após a suspensión das anteriores edicións como consecuencia do parón obrigado pola pandemia.

Tal e como indicou no seu momento o responsábel da área de Xuventude e Deportes do Concello, Mauricio Repetto, esta carreira que acostuma a aglutinar seis citas deportivas, concentrarase nesta edición nunha soa ante o devir que foi experimentando a pandemia e que, no mes de xaneiro, cando correspondería realizar a primeira das competicións, tivo lugar a chegada dunha nova onda de Covid-19 que fixo reformular a estrutura do circuíto por motivos de saúde pública. 

"Diante este contexto, desde o servizo de Deportes puxémonos en contacto coas e cos deportistas lucenses e coas asociacións que os agrupan e o que atopamos foi un apoio maioritario á decisión de aprazar a carreira", aseguraba o edil, "non podemos obviar que no 'Corre con Nós' se xuntan centos de persoas, entre elas menores de 3 a 7 anos acompañados das súas familias, en itinerarios estreitos nos que non se poden garantir as distancias de seguridade mais ao que, precisamente por ese carácter familiar, tampouco tería sentido acoutar ou limitar a asistencia, polo que dispuxemos adiala até o final das restricións", engadía Repetto. 

Percorrido semellante ao doutras edicións

Nesta competición mantense o mesmo número de categorías e distribución que en anteriores edicións. Desta maneira, as persoas participantes competirán nas categorías de mini, sub-10, sub-12, sub-14, sub-16, sub-18 e absoluta.

Sairá primeiro a categoría inferior ás 12 horas, cun percorrido de 350 metros, e a partir das 12.10 horas será a quenda das categorías sub-10 e sub-12, que teñen por diante un percorrido de 800 metros.

Xa desde as 12.25 horas será a momento das categorías sub-14, sub-16 e sub-18 cun percorrido de 1.850 metros. A última saída será ás 13 horas coa participacións de inscritas e inscritos na categoría absoluta que terán que correr unha distancia de 5.850 metros. 

A recollida dos dorsais por parte das e dos participantes realizarase no edificio Pimentel (rúa  Bispo Aguirre) e desde a organización indicaron que o percorrido será moi semellante ao doutras edicións.

Comentarios