Previa da xornada futbolística: o Lugo quere fechar a salvación ante o Tenerife

O Lugo aspira a vivir un final de Liga tranquilo por primeira vez en catro anos, un obxectivo que tamén anhela un Celta que esta fin de semana visita o campo do Granada. Onde non hai lugar para a relaxación é na primeira RFEF, onde Deportivo, Rácing de Ferrol e Celta B precisan gañar para asegurar 
 
No partido de ida o Lugo rescatou un valioso punto do Heliodoro Rodríguez López cun gol de Carrillo no último minuto. (Foto: La Liga).
photo_camera No partido de ida o Lugo rescatou un valioso punto do Heliodoro Rodríguez López cun gol de Carrillo no último minuto. (Foto: La Liga).

Primeiro de xuño de 2018. Ao mesmo tempo que a moción de censura descabalgaba Mariano Raxoi e coroaba Pedro Sánchez, o Lugo asinaba un intranscendente empate ligueiro ante o Almería no derradeiro partido de campionato. Foi a última vez na que a escuadra albivermella viviu un final de tempada despreocupado, abocado desde entón ao sufrimento, a épica e as milagres.

Nesta ocasión parece que todo será diferente, pero a pesar do cómodo colchón de 12 puntos sobre o descenso cando só quedan 15 en xogo, a matemática no fútbol é moi traizoeira -que llo pregunten senón ao Deportivo-, e por iso desde a cidade da Muralla insisten na importancia de superar o Tenerife (mañá, 18.45 horas) para amarrar "canto antes" a permanencia.

"O obxectivo está perto, pero hai que collelo, pois hai moitos equipos que non o conseguen, xa que non é fácil", apuntou o preparador do Lugo, Rubén Albés, que engadiu que a súa vía é depender de si mesmos, algo para o que considera fundamental o feito de xogar ante a escuadra canaria, en plena loita polo play-off de ascenso, ante a súa afección. "Ela fainos máis fortes na casa", concluíu o preparador vigués.

Duelo entre dous equipos en baixa forma na Primeira

O equipo da súa cidade natal, o Celta de Vigo, desprázase até terras andaluzas para medir forzas co Granada (mañá, 16.15 horas). Os celestes están nunha situación moi similar á dos albivermellos, pois cando quedan  15 puntos por repartir teñen nove de vantaxe sobre o equipo que marca o límite do descenso a Segunda División, precisamente o Granada Club de Fútbol, o que confire maior relevancia se cabe ao choque do domingo.

Ambos os conxuntos destacan pola súa irregularidade neste tramo final de campaña, como demostra o feito de que ambos só foron quen de gañar un dos últimos 10 partidos ligueiros.  

O Celta tratará de maquillar este dato, así como de enxugar a mala imaxe ofrecida a pasada semana ante o Xetafe -no que foi o peor partido da tempada dos homes do Chacho Coudet-, nun campo dos Cármenes historicamente favorábel para os seus intereses, pois leva sen perder alí desde a tempada 2012/13, aínda que tampouco coñece o triunfo desde a 2016/17, sumando desde entón tres táboas consecutivas, un resultado que nesta ocasión sería bastante favorábel aos intereses galegos.

A inestabilidade interna volve ameazar o Dépor

Dúas categorías máis abaixo, o Real Club Deportivo, eterno rival do Celta, continúa o seu particular vía crucis na Primeira RFEF, onde alén das complicacións futbolísticas -que o afastaron do liderado e, por tanto, do ascenso directo; e das inconcibíbeis decisións administrativas da Federación Española -que contra toda lóxica, a pesar de dar a razón á entidade branquiazul no seu pleito co Bilbao Athletic, decidiu considerar que non cometeron ilegalidade algunha por aproveitar o inexistente partido co desaparecido Estremadura para limpar tarxetas-, agora engade o despedimento dun futbolista a pouco máis dun mes do final da competición.

Así, o Deportivo anunciou onte nun comunicado que o mediapunta Juan Carlos Menudo deixaba con efecto inmediato de formar parte do primeiro equipo branquiazul por vulnerar o código interno do club, aínda que non oficializou as causas exactas que o levou a tomar tan drástica decisión.

Evidentemente, o sevillano non estará no vital choque de hoxe (19 horas) ante unha UD Logroñés que desde o quinto posto observa o Dépor a só nove puntos de distancia. Máis preto incluso están o Celta B, que afronta o desafío do líder, Rácing de Santander (mañá, 12 horas), e o Rácing de Ferrol, que recibe o Talavera hoxe ás 17. 

Comentarios