O Lugo quere “deixarse a vida en cada partido” para non descender

Íñigo Vélez, adestrador do CD Lugo, compareceu en rolda de prensa para dar a súa opinión do inminente partido contra o Cartaxena. 
Íñigo Vélez na rolda de prensa (Foto: CD Lugo)
photo_camera Íñigo Vélez na rolda de prensa (Foto: CD Lugo)

O Lugo ten unha cita esta sexta feira con outra xornada transcendental para non descender de categoría. Será no Cartagonova diante do Cartaxena (21 horas), un equipo que está situado noveno na clasificación, moi lonxe dos lucenses.

O técnico do Lugo, Íñigo Vélez, compareceu onte en rolda de prensa para falar deste choque e das posibilidades dos seus pupilos. 

O técnico vasco asegurou que "hai que deixarse a vida en cada partido” polo que “imos a Cartaxena coa idea de gañar".

Recoñece que "a pesar das baixas, imos ir cun once garantías en busca da vitoria, estamos convencidos das nosas posibilidades" e sinala que o camiño  da vitoria “é xerar ocasións”. Para Vélez, “a efectividade págase, e é importante, mais o fundamental na nosa situación é xerar oportunidades. O gol é o máis difícil deste deporte". 

Cartaxena e o calendario

"Somos conscientes do que supón o FC Cartaxena”, asegura o técnico lucense, “pasou por diferentes momentos, mais é un gran equipo, conta con grandes xogadores, grandes reforzos, e buscará estar perto do play off", engade.

Vélez é coñecedor do valor do seu grupo e malia que “os resultados mandan” asegura que “analizamos o partido do equipo, e estamos contentos co desempeño defensivo. Estamos a traballar ben. En ataque, o equipo necesita crear ocasións e sumar efectividade". 

O Lugo ten presente o calendario que lle toca mais, en opinión do adestrador, “hai que adaptarse ás diferentes situacións. Vemos o positivo, queremos gañar e quitarnos o mal sabor de boca. Máis días permítennos preparar mellor, pero afrontamos o que toca".

Por último, Vélez quere tranquilizar á afección e promete que "o equipo vai saír a gañar o partido. Temos claro que o traballo está a ser bo, e ten que chegar a vitoria”.

Comentarios