Panorámica: O Lugo perde tres meses despois e o Dépor conclúe a xeira de derrotas

A escuadra lucense cae co Huesca e a coruñesa supera o Calahorra
A polémica expulsión de Campabadal condicionou o encontro do Lugo (Foto: La Liga).
photo_camera A polémica expulsión de Campabadal condicionou o encontro do Lugo (Foto: La Liga).

Club Deportivo Lugo caeu ante o Huesca (1-0), perdendo non só tres puntos, senón tamén a extraordinaria xeira de 12 partidos consecutivos sen coñecer a derrota.

O tropezo lucense ante o equipo máis galego do fútbol profesional despois do Celta e o propio Lugo -no conxunto oscense militan catro xogadores do país: Insua, Ferreiro, Mosquera e Juan Carlos- chegou non sen polémica, pois o único e definitivo tanto a prol do Huesca marcouno Seoane -quen, a pesar do que pode indicar o seu apelido, é madrileño- no penúltimo minuto do tempo regulamentario e apenas segundos despois dunha máis que polémica expulsión do albivermello Campabadal. O lateral sostiña o balón coas mans nun momento de parada do xogo e, logo de que Timor tratase de arrebatarllo, fixo un xesto para protexelo que o colexiado interpretou como unha agresión e, polo tanto, sancionábel con cartón vermello.

Os galegos, invictos na Primeira RFEF

Mellor sorte correron os representantes da Galiza na Primeira RFEF, pois nin Deportivo da Coruña, nin Rácing de Ferrol nin Real Club Celta de Vigo B coñeceron a derrota.

Os primeiros recuperaron a senda da vitoria á custa do Calahorra (2-1) logo de tres encontros consecutivos perdendo, resistindo así o axexo dun Rácing de Santander que, cun partido menos, figura na táboa a só dous puntos do cadro herculino.

Tamén confirmou que a súa crise de comezos de ano xa é historia o Rácing de Ferrol, que obtivo o seu segundo triunfo consecutivo sobre o Valladolid B (1-2). Os pucelanos comezaron marcando no día en que se celebraba o 40 aniversario do seu estadio, pero os Diaños Verdes impuxeron o seu xogo e levantaron o partido na segunda metade.

Por último, o filial celeste empatou a cero goles ante un bo equipo como é a Unión Deportiva Logroñés. Logo deste empate entre rivais directos polo play-off o Celta B ascende até o terceiro posto, mais só avantaxa o oitavo en tres puntos, o que dá boa idea da igualdade da categoría de bronce.

Comentarios