O Lugo nunca tivo opcións ante o Oviedo

O Lugo foi inferior ao Oviedo en practicamente todos os rexistros do xogo. A escadra de Javier López tentouno de todos os xeitos, mais nin con xogo curto nin longo, nin con posesión nin con contras, foi quen de facerlle dano á equipa asturiana. 

Lugo-Oviedo
photo_camera Un lance do xogo

4.500 espectadoras e espectadores. Grande entrada no Anxo Carro, con moita cor visitante nas bancadas. Mágoa que non acompañase nin o xogo nin o resultado.

O Oviedo anotou ben cediño, gol do ex do Lugo Joselu, no minuto 6, e a partir daí o combo local ensaiou todas as fórmulas para lle dar a volta ao taboleiro de marcas. Até conseguiu colocar unha vez a bola na portería ovetense, mais a acción —un chut de Cristian Herrera, asistencia de Iriome— foi invalidada por fóra de xogo. A posesión era máis ben visitante, con poucas opcións para os contra-ataques dos brancos e vermellos. Tampouco había calma nin mesura para acertar co último pase.

No minuto 56 o Oviedo selou o 0-2 e aí na práctica rematou todo. Non é que o Lugo non porfiase até o final, é que sinxelamente non tivo a súa tarde. O resultado até foi curto, pois o Oviedo dispuxo no tramo final do xogo de varias contras claras que non puido concretizar polo acerto do gardamallas Juan Carlos.

Sen dramatizar, sendo que estamos no episodio quinto do longuísimo campionato da Segunda División, o certo é que esta derrota deixa o Lugo con apenas 4 puntos, 1 só por cima dos postos do descenso.

CD Lugo: Juan Carlos; Leuko, Bernardo (Campillo, min.57), Miguel Vieira, Kravets; Iriome, Pita, Seoane, Aburjania; Cristian Herrera (Juan Muñiz, min.74) e Dani Escriche (Jona, min.64).

Real Oviedo: Alfonso Herrero; Johannesson, Forlín, Christian Fernández, Mossa; Javi Muñoz (Edu Cortina, min.88), Ramón Folch, Richard Boateng; Bárcenas, Joselu (Toché, min.68) e Saúl Berjón (Aarón Ñíguez, min.78).

Goles: 0-1, min.6: Joselu. 0-2, min.56: Javi Muñoz.

Árbitro: Pizarro Gómez, do comité madrileño. Cartóns amarelos a Christian Fernández (min.19), Javi Muñoz (min.62) e Forlín (min.71), do Oviedo; e a Vieira (min.81) e Leuko (min.85), do Lugo.

Incidencias: Partido da quinta xornada de LaLiga 1|2|3 disputado no Anxo Carro ante 4.508 espectadoras e espectadores. 

Comentarios