O Lugo non fecha a porta a máis reforzos

A escuadra albivermella, a días do comezo ligueiro, seguirá fichando
Bruno Pirri, a última incorporación ao Club Deportivo Lugo, pasa coa súa nova camiseta durante o seu acto de presentación. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Bruno Pirri, a última incorporación ao Club Deportivo Lugo, pasa coa súa nova camiseta durante o seu acto de presentación. (Foto: CD Lugo).

O único equipo galego na Segunda División, o Club Deportivo Lugo, seguirá afondando nun mercado no que xa realizou 17 operacións entre altas e baixas. Así o confirmou Carlos Pita, director deportivo da escuadra albivermella, durante a presentación do seu último reforzo, Bruno Pirri.  

Defensa central de 30 anos, o brasileiro con pasaporte italiano pisou na xornada de onte por vez primeira o Ángel Carro para un acto no que expresou a súa "satisfacción" por dar "un paso importante na súa carreira". 

A da cidade da Muralla será a segunda aventura europea dun home que destaca pola súa contundencia física -mide 1,87 metros- logo de militar durante ano e medio no Vitória de Setúbal portugués. Esta experiencia no país veciño podería ser "unha vantaxe" na súa "adaptación", segundo afirmou Bruno Pirri.

Anteriormente deu os seus primeiros pasos en clubs do seu país natal como Athletico Paranaense, União Agrícola Barbarene e Figueirense, antes de tornar nun trotamundos do fútbol que xogou na liga mexicana (Chiapas, Cafetaleros), de novo a brasileira (Ceará) e a China (Kunshan), onde rematou contrato en xaneiro de 2022, momento desde o que permaneceu sen equipo até a súa sinatura polo Club Deportivo Lugo

O director deportivo albivermello gabou as súas características, destacando o seu "xogo aéreo, rapidez, saída e golpeo de balón", así como a súa "experiencia internacional".

"Entendemos que nos vai axudar moito, xunto cos seus compañeiros. Está a encaixar ben no vestiario e mostra predisposición ao traballo, cousa que está a facer para poñerse ao nivel. Todo son facilidades pola súa banda", engadiu Carlos Pita.

Porén, o máis destacado da súa intervención non tivo que ver co defensa nado en Osvaldo Cruz en 1992, senón co papel que o Lugo desenvolverá no que queda de mercado de fichaxes, pois a pesar da inminencia do comezo da Liga -a próxima segunda feira, 15 de agosto-, confirmou que buscan incorporar "un dianteiro centro" clásico e outro home de ataque cun perfil "máis polivalente", pero coa consciencia de que "quedan poucas balas e non hai que desaproveitalas".

A Terceira Galega xa ten datas

O Grupo 1 da Terceira Federación -a quinta categoría do fútbol estatal-, tamén coñecido como Terceira Galega, por fin ten calendario oficial.

En total serán 16 os equipos que conforman a división na tempada 2022/23, dos que ascenderá de maneira directa o campión e os catro seguintes disputarán a fase de ascenso, coa novidade de que esta campaña este play-off vai a disputarse a dobre volta.

Con respecto ás datas, o balón botará a rodar exactamente dentro dun mes, o 11 de setembro, mentres que a fase regular inicial concluirá o 23 de abril. 

O sorteo deparou que na primeira xornada se enfronten Paiosco e Fabril; Barco e Arousa; Rácing Vilalbés e Estradense; Somozas e Arzúa; Ourense e Rápido de Bouzas; Choco e Viveiro; Atlético Arteixo e Gran Peña; e Alondras-Silva.

Por outra parte, a área de Competicións da Federación Galega de Fútbol tamén publicou o calendario do Grupo galego da Liga Nacional Xuvenil, composta por 18 equipos e que se estenderá até o 29 de maio tras arrancar o 11 de setembro.

Comentarios