O Lugo non para e afronta un novo compromiso contra o Las Palmas

Os de Nafti queren resarcirse do empate co Málaga.
Os lucenses perseguen a vitoria ante o Las Palmas (Foto: CD Lugo).
photo_camera Os lucenses perseguen a vitoria ante o Las Palmas (Foto: CD Lugo).

Estabelecendo unha analoxía co mundo do atletismo, a Segunda División é o máis parecido que hai no fútbol a un maratón: trátase dunha durísima carreira de fondo onde non podes quedar a papar moscas se non queres que che adianten todos os que veñen por detrás.

O Club Deportivo Lugo, único representante galego na categoría,  afronta hoxe na casa ante o Las Palmas (21.30 horas) a segunda etapa dunha proba que o levará a disputar tres partidos en oito días.

Logo de apañar un empate "frustrante" (2-2) -en palabras do propio Mehdi Nafti- en Málaga a pasada sexta feira, onde deixou escapar os tres puntos logo de chegar gañando 2-0 no minuto 70, o obxectivo é retomar a senda da vitoria.

O rival será a poderosa Unión Deportiva Las Palmas, un eterno favorito ao ascenso, pero que, outro ano máis, parece non estar á altura das expectativas creadas e malvive na zona media-baixa da táboa. Pese a todo, Iriome González, centrocampista tinerfeño do Lugo, considéraos "un bloque duro, de mentalidade forte e que nunca baixa os brazos".

Noutra orde de cousas, a entidade albivermella fixo pública a convocatoria da Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, que se desenvolverá en primeira convocatoria o 29 de decembro ás 20.15 horas e en segunda un día despois, tamén ás 20.15.

Deportivo solidario

O Real Club Deportivo da Coruña lanza unha iniciativa de recollida de alimentos e xoguetes novos a beneficio do Banco de Alimentos da cidade herculina e da Cruz Vermella.

A porta 28 do Estadio de Riazor abrirase desde hoxe e até o día 4 de decembro de 11 a 13 e de 15.30 a 18 horas para recoller alimentos non perecedoiros e xoguetes sen estrear para nenos e nenas de todas as idades. 

Comentarios