Lugo, misión cumprida: vitoria, permanencia e orgullo

O equipo lucense superou os 50 puntos que lle garanten seguir en Segunda nunha vitoria ante o Sabadell (0-2) que fixo vibrar o Anxo Carro

Celebración do CD Lugo diante do At. Balears

Apuntados os focos cara Depor e Celta, e máis aínda nesta recta de temporada de infarto, o que conseguiu o CD Lugo este ano semella pasar desapercibido alén da cidade amurallada. Mala cousa, porque o que fixo (e está facer) o equipo de Quique Setién é de mérito. Un club recén ascendido a unha segunda máis competitiva que nunca asegúrase a permanencia a dúas xornadas de que remate a temporada. E facendo fronte a equipos de renome e cun orzamento moi superior ao dos lucenses.

O CD Lugo levaba sete partidos seguidos sen obter un triunfo. Logrouno esta fin de semana ante o Sabadell, ao que derrotou por dous tantos a cero. Dous goles que lle permiten superar os 50 puntos. O Sabadell chegou coa permanencia asegurada e sen dous dos seus xogadores estrela (Lanzarote e Dávila) mais non puxo as cousas doadas aos lucenses.

Iso si, o equipo de Setién fixo un moi bo partido, se ben o primeiro dos tantos non chegou até o minuto 72 das botas de Óscar Díaz. Antes, o Lugo malgastou oportunidades de se adiantar no marcador. O segundo tanto chegou pouco despois, no minuto 83, obra de Rubén Durán.

No Anxo Carro, @s máis de 3.500 especatdor@s gozaron dun bo partido co que o CD Lugo garantiu a permanencia e fixeron, si, un anaco máis de historia no fútbol galego

Comentarios