Un Lugo máxico remonta dous goles en contra e derrota o Numancia

lugo

Unha tarde abafante no Anxo Carro – rexistráronse até 35 graos de calor- deixou 5 goles, unha remontada épica e 3 puntos para o CD Lugo, que inaugura así o panel de vitorias nesta tempada. O Numancia marchou para a caseta rematada a primeira parte cunha vitoria (0-2) que semellaba folgada para sacar proveito desta visita a terras galegas.

Mais non. O Lugo foi quen de remontar, foi quen de -após empatar en apenas 15 minutos - xa no tempo de desconto meter o gol que lle daba a vitoria e os 3 puntos. Aburjania, Campillo e Iriome neutralizaron os goles de Atienza e Alain para os sorianos.

O Lugo saiu ao campo coa teima de que os tres puntos non podían marchar do Anxo Carro. O balanzo de inicio de tempada: unha derrota e un empate, aconsellaban amarrar un triunfo, tanto para non caer na parte máis baixa da táboa como para insuflar confianza nun plantel que sabe que ten calidade para desputar os partidos até o final.

Non xogaron mal os lucenses mais na recta final da primeira parte recibiron dous goles. Atienza no minuto 38 e Alain apenas 2 minutos despois. Xerra de auga fría para os albivermellos. Porén, nada de baixar os brazos e perder a confianza. O Lugo tiña claro que debía marcar canto antes e así o fixo: poucos minutos se levaban da segunda metade cando marcou Iriome e apenas 15 mnutos despois, Campillo.

Os lucenses foron a por todas e atoparon pemio: no minuto 92, gol de Aburjania. Unha remontada épica que sela unha vitoria necesaria.

Comentarios