O Lugo vence o Sabadell e ocupa praza de ascenso directo por vez primeira na súa historia

Queren divertirse? Vaian ao Anxo Carro. Un partido alí é un carrusel de emocións. A bola nunca para. Os porteiros traballan arreo. Hai unha movimentación moi de liga inglesa e hai unha equipa que xoga ao fútebol con moito xeito. O Lugo venceu o Sabadell (1-0) e ocupa postos de ascenso directo a Primeira División por vez primeira na súa historia.

Lugo
photo_camera Juan José, a dereita, foi o mellor do Lugo na segunda metade

Un gol de Pablo Sánchez, o seu terceiro no que vai de campionato, selou a vitoria do Lugo face un Sabadell que na segunda parte, xa co taboleiro de marcas en contra, tivo tamén as súas oportunidades e abeirou o empate. Como dirían os clásicos, o partido tivo dúas partes ben definidas. A primeira foi para o Lugo. Boa parte da Segunda, para o Sabadell.

No Anxo Carro non hai tempo para aborrecer o fútebol. É tanta a intensidade coa que se emprega o Lugo neste primeiro terzo de campionato que o stress do campo lugués acaba derrotando os visitantes máis resistentes. Non se pode ir relaxado a Lugo. Quen vai, perde seguro.

O garda-redes José Juan, MVP

No Lugo todos xogan cunha enorme tensión competitiva. Desde os puntas -a letal dupla Rennella-Sandaza- até o garda-redes. Se hai porteiros que dan pontos, José Juan deulle hoxe dous á equipa de Setién. Todo o que fixo o fixo ben, até o ponto de ser o MVP da equipa na segunda metade, cando a escadra catalá acertou a encerrar a galega no seu campo.

O Lugo suma xa 20 pontos -3 máis que o Deportivo- e conclúe a xornada 11 en postos de ascenso directo, a primeira vez na historia que tal cousa lle acontece á equipa do Anxo Carro.

Lugo:  José Juan; David de Coz, Lolo Pavón, Jorge García, Manu; Carlos Pita, Fernando Seoane; Pablo Sánchez (Ernesto, m. 72), Iago Díaz (Víctor Díaz, m. 75); Enzo Rennella (Álvaro Peña, m. 70) e Fran Sandaza.

Sabadell: Nauzet Pérez; Cristian, Kiko Olivas, Carlos Hernández, Víctor Espasandín (Edgar Hernández, m. 79); Juanjo Ciércoles, Antonio Hidalgo (Longás, m. 63); Juanjo Collantes, Tanabe (Paco Sutil, m. 68); Aníbal Zurdo e Raúl Tamudo.

Gol: 1-0, m. 38: Pablo Sánchez.

Comentarios