O Lugo asina a permanencia nun gris choque como local

A Galiza continuará contando con, como mínimo, un equipo na Segunda División, logo de que o Lugo certificara a súa permanencia, aínda que o lograra máis por factores alleos como a derrota da Real Sociedade B en Almería que por méritos propios, pois volveu perder e suma tan só dous triunfos nos seus últimos 15 partidos ligueiros. 
Rubén Albés, novo adestrador do Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)
photo_camera Rubén Albés, novo adestrador do Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: RCCelta)

O que debería ser unha festa, a continuidade do Club Deportivo Lugo na categoría de prata un ano máis, deixou un sabor agridoce logo de non ser quen de  lograla por méritos propios nun antepenúltimo partido ligueiro (1-3) no que perdeu con estrépito ante un equipo xa descendido como é o Fuenlabrada madrileño.

A situación agrávase polo feito de que no Ángel Carro había tan só 1.640 almas para un partido de tanta importancia, situación que evidencia a posición secundaria do club en contraposición á primeira entidade da Cidade da Muralla, o Leite Río Breogán.

Todo iso, sendo certo, non lle quita mérito ao feito de que, cun dos orzamentos máis baixos da categoría, Rubén Albés e os seus homes conseguiran unha permanencia tranquila por primeira vez nos últimos tres anos, aínda que o feito de sumar tan só dúas vitorias nos últimos 15 partidos lle reste brillantez . 

Apupos para despedir a Liga en Balaídos

Na Primeira División, o Real Club Celta sumou un novo triunfo a costa do Elxe (1-0) e recupera o décimo posto na clasificación. Nun partido de contrastes no que todo xirou arredor de Aspas, o autor do gol foi un Denis Suárez que recibiu o aplauso de Balaídos no que podería ser o seu adeus ao club no que se formou e no que milita desde 2019, dada a guerra aberta que mantén co presidente Carlos Mouriño.

Nese conflito está claro de que parte está a afección, pois cando o máximo mandatario celeste tomou a palabra durante o acto de homenaxe a outra lenda que dirá adeus ao Celta unha vez que remate a Liga, Manuel Agudo Durán 'Nolito', as persoas que continuaban ocupando as súas butacas responderon con apupos, pitos e berros de "fóra, fóra!".

Outra xornada sen perder

Na Primeira RFEF, Dépor superou Tudelano pola mínima (4-3); Celta B empatou co Badaxoz (1-1) e o Rácing finalizou co mesmo resultado ante o Bilbao Athletic.

Comentarios