O Lugo desperdicia unha oportunidade de ouro ante o Mirandés (3-2)

O Club Deportivo Lugo sufriu unha das derrotas máis dolorosas no que vai de Liga ante o Mirandés en Anduva. A errática segunda metade pesou demasiado e os albivermellos deixaron escapar a vantaxe inicial que adquiriran (3-2).
 
A desesperación era evidente entre os xogadores do conxunto galego despois de encaixar o terceiro e definitivo tanto do encontro. (Foto: La Liga).
photo_camera A desesperación era evidente entre os xogadores do conxunto galego despois de encaixar o terceiro e definitivo tanto do encontro. (Foto: La Liga).

Respecto mutuo. Conscientes máis das súas debilidades que das fortalezas, tanto locais como visitantes arrancaron o encontro dun modo pausado, tenteándose mutuamente, até que no minuto 15 Simón Moreno aproveitou un grave erro defensivo de Lebedenko para  romper a tregua entre galegos e casteláns cun disparo que obrigou a exhibirse a Fran Vieites.

Encoraxado, o Lugo respondeu do mellor modo posíbel: con gol. Tan só 120 segundos despois do ataque do Mirandés, un maxistral lanzamento desde o curruncho de Hugo Rama aproveitouno Carrillo para adiantar o conxunto albivermello aproveitándose da maior debilidade dos de Miranda de Ebro, pois con este son xa cinco os goles que levan recibidos na súa casa en só oito partidos, unha cifra intolerábel en categoría profesional.

Logo dese tanto inicial viviuse, até o descanso, media hora de bo fútbol por parte de ambos,  con moita velocidade e alternativas, aínda que sen oportunidades claras para un e outro equipo, un escenario que explotou polos aires logo da reanudación.

A debilidade defensiva, un mal semella que endémico

Apenas o colexiado asubiou, Álex López, quen defendera as cores lucenses durante a tempada 2019/20, aproveitaba a falta de concentración e a debilidade da defensa do Lugo para, de disparo cruzado, perforar a portería defendida por Fran Vieites ante a desesperación de Rubén Albés na banda de Anduva.

Irrecoñecíbeis con respecto ao primeiro tempo, frouxos, mesmo temerosos, a consecuencia de todo isto foi o segundo gol do Mirandés, transformado por Camello tras o enésimo erro dos marcadores albivermellos.

Por sorte, e contra prognóstico ante o novo panorama do partido, Joselu, un hombre entrado desde o banco dos suplentes, volveu subir as táboas ao marcador no 70, pero inmediatamente despois o Lugo volvía facer das súas e concedía o terceiro e definitivo tanto do Mirandés.

O teito do Lugo segue medrando

José Angel Carrillo está no mellor momento da súa carreira deportiva. Con 27 anos, e tras sete tempadas xogando na categoría de prata, o dianteiro murciano alcanzou a madurez deportiva e está sendo un home fundamental para o Lugo.

Co seu tanto desta cuarta feira ante o Mirandés, o cuarto no que vai de tempada, non só superou Manu Barreiro como 'Pichichi' albivermello, senón que tamén igualou o seu mellor rexistro goleador coa escuadra galega, que data da campaña 2019/20. 

De feito, e cando leva tan só oito partidos disputados, e unicamente cinco deles como titular, xa está a piques de igualar o seu propio récord anotador, datado en 2018, cando defendía as cores do Cádiz, un tempo no que foi quen de materializar cinco tantos en 31 encontros.

Ademais, o internacional filipino -a Federación do país asiático convocouno logo de descubrir que un dos seus bisavós nacera no arquipélago- marcou ante o Club Deportivo Mirandés o seu primeiro tanto de cabeza no que vai de Liga, sacando petróleo dos seus 1'90 metros de altura. 

Comentarios