Lugo e Dépor empoléiranse na parte alta da táboa

Boa xornada para as equipas galegas na Segunda División. O sábado, o Lugo desfíxose do Córdoba con solvencia e xogo por veces escintilante (1-0). O Dépor, en troca, este domingo 13, gañou sen brillo no Mini Estadi. O mellor dos branquiazuis foi Lux.

depor
photo_camera Os futbolistas do Dépor celebran o gol de Culio

Lugo e Deportivo totalizan 16 pontos e conclúen a xornada entre as equipas con opcións serias de ascenso, mais as sensacións que deixan son ben distintas.

A equipa de Setién está a ser unha das surpresas no inicio do campionato, cun fútbol entre vertical e vistoso que malla nas defensas máis experimentadas. Gañou até con certa facilidade ao rochoso Córdoba e mesmo o resultado se antolla curto. No Lugo cando non molla Rennella faino Sandaza, sempre hai un punta de garda.

O Lugo é unha equipa xa construída e todos os seus futbolistas saben perfeitamente a que xogan. Os seus automatismos están moi acabados e apenas comete erros. Xusto o que fai falta para avanzar na táboa clasificatoria.

No Lugo cando non molla Rennella faino Sandanza, sempre hai un punta de garda

Mentres, o Deportivo conquistou un novo trunfo fóra de Riazor, e xa van 4 (Las Palmas, Sabadell, Alicante e agora Barcelona). Alicerzouno no de sempre, na seriedade da súa zaga, e nunha novidade, unha grande prestación de Lux. O garda-rede arxentino apenas tivo até agora oportunidade para se lucir (a equipa apenas cede ocasións de gol ao contrario, e as que cede son gol ou gol). Este domingo, non. Este domingo Lux tivo que aparecer porque o guión llo impuxo. Foi en dúas ocasións. Eran gol ou gol. Nas dúas Lux estivo providencial. O Deportivo débelle cando menos dous dos tres puntos. Hai defensa. Hai porteiro.

A segunda parte fíxoselle eterna á equipa de Fernando. O treinador de Castrofeito talvez demorou de máis en introducir cambios. O certo é que os deportivistas apenas daban retido a pelota e só en contadísimas ocasións foron quen de se despregar á contra. Demasiado chumbo nas pernas. Moi pouca frescura física e quizá mental.

En calquera caso, unha vitoria cimentada no oficio defensivo que coloca o Deportivo con 16 pontos, á espera da visita do Zaragoza.

Os deportivistas apenas daban retido a pelota e só en contadísimas ocasións foron quen de se despregar á contra. Demasiado chumbo nas pernas

Lugo: Dani Mallo; David de Coz, Lolo Pavón, Víctor Marco, Manu; Carlos Pita, Fernando Seoane; Iván Pérez, Pablo Sánchez (Iago, m. 74); Rennella (Juanjo, m. 25) e Fran Sandaza (Rafa García, m. 83).
Córdoba: Mikel Saizar; Jens Janse, Fran Cruz (Pelayo, m. 59), Armando, Samuel; Luso (Strahman, m. 59), Abel, Pedro, Caballero; Pacheco (Ulises Dávila, m. 46); e Xisco.
Gol: 1-0, m. 57: Fran Sandaza.

Barcelona B: Masip; Planas, Lucas (74' Joan Román), Patric (46' Pol Calvet) Ilie; Espinosa, Denis Suárez, Sergi, Samper, Edu Bedia (65' Adama ); Dani Nieto e Sandro

Deportivo: Lux; Laure, Kaká, Manuel Pablo, Bergantiños; Wilk, Juan Domínguez, Culio, Rudy (89' Luis Fernández); Arizmendi (82' Marchena) e Borja Bastón (86' Juan Carlos)

Gol: 0-1, m. 2: Culio

Comentarios