Lugo e Dépor despídense en Andalucía da Copa após caeren en Huelva e Xaén

Ofereceu mellor imaxe o Lugo de Setién, que caeu perante o líder da liga por un axustado 1-0, do que un Deportivo, que cedeu a derrota por 2-0 no campo do Xaén.

depor
photo_camera Un momento do Xaén-Dépor

Era un estorbo a Copa para as equipas galegas? Do ponto de vista deportivo, si. Do económico, non, de se ter cruzado na seguinte rolda con clubes de Primeira División. Mais está claro que os combos de Setién e Fernando Vázquez non tiñan o torneo copeiro entre ollo e ollo. Abondo teñen co campionato de liga, en principio con obxectivos distintos, o Lugo o de garantir a permanencia canto antes, o Dépor o de aspirar no mínimo a unha praza para promocionar a Primeira (claro que a equipa de Setién, xa unha das revelacións do campionato, tampouco ten dito a súa última palabra a este respeito, e quizá poda reprogramar ambicións se é quen de manter as prestacións mostradas no comezo do curso).

Caeu o Lugo en Huelva fronte o líder da Segunda División, por un axustado 1-0. O gol marcouno o Recreativo no minuto 78, até ese minuto a equipa de Setién termara moi ben dos andaluces. Logo ficou moi pouco tempo para remontar.

Núñez estréase

O Deportivo, inzado de suplentes, de xente moza, apenas tivo opcións en Xaén. Encaixou dous goles a balón parado, a besta negra dos coruñeses, tamén no tramo final do xogo (minutos 70 e 77). O partido non pasará á historia, agás pola estrea de Núñez, o ex do Real Madrid e do Liverpool, nas fileiras branquiazuis.

Deu toda a impresión de que a equipa coruñesa non afrontou o encontro coa mentalización que se precisa para competir no fútebol profisional, embora sexa nunha competición menor e que non enche o ollo aos de Fernando, tampouco ao treinador de Castrofeito, que declarou nas vésperas do xogo que a Copa estaba feita á medida dos clubes grandes.

Comentarios