O Lugo, a depenar os canarios das Palmas

O Club Deportivo Lugo afronta esta cuarta feira (21 horas) o que pode ser o seu desafío máis importante no que vai de tempada co choque que o enfrontará no Ángel Carro ante os canarios da Unión Deportiva Las Palmas, o equipo máis en forma da categoría de prata.
A escuadra lucense desbordou intensidade na última sesión preparatoria antes do encontro ante a quinto clasificado ligueiro. (Foto: CD Lugo).
photo_camera A escuadra lucense desbordou intensidade na última sesión preparatoria antes do encontro ante a quinto clasificado ligueiro. (Foto: CD Lugo).

Quen dixo medo? O conxunto albivermello acepta sen complexos o reto da visita amarilla consciente das dificultes da empresa, pero tamén de que o coliseo lucense é un fortín do que ninguén foi quen de marchar cos tres puntos desde hai case dous meses.

A pesar da distancia que os separa na táboa clasificatoria -o Lugo é décimo cuarto e As Palmas, quinto-, tan só hai cinco puntos de diferencia entre os galegos e uns canarios que veñen de rañar un empate hai dúas xornada ante o que até o de agora exercía como sólido líder da categoría, a Unión Deportiva Almería, e de superar o Tenerife no derbi, confirmando así o estado de graza dun combinado que non sabe o que é perder desde o 5 de setembro.

Con todo, o peso dos minutos acumulados levará ao seu técnico -o ex deportivista Pepe Mel- a levar a cabo rotacións que poderían deixar no banco dos suplentes a algúns dos seus mellores homes, como o renacido Jesé Rodríguez. 

Quen non parece que vaia rotar será un vello coñecido da parroquia lucense, o compostelán Álvaro Lemos, dono indiscutíbel do carril dereito da Unión Deportiva desde hai case catro anos e autor do tanto da vitoria dos pío-pío no gran clásico do fútbol canario.

As Brigadas Lucenses non animarán no Ángel Carro

Se ben, sobre o papel, o estadio do Lugo poderá alcanzar o 100% da súa capacidade, unha das agrupacións de afeccionados e afeccionadas máis ruidosa e numerosa, Brigadas Lucenses, silenciarase voluntariamente.

A causa da súa decisión está nas "ameazas de sanción" que segundo explicaron reciben "por animar de pé", algo que, sosteñen, "xa se permite na gran maioría dos estadios da Galiza e do Estado Español, pero en Lugo acátase unha normativa absurda que contradi a situación epidemiolóxica actual". 

Albés: "Non revolucionarei o equipo"

Sobre o papel, e aínda que a Unión Deportiva As Palmas poida partir como favorita, o choque entre o Club Deportivo Lugo resulta completamente imprevisíbel, e nin sequera a estatística serve de axuda para botar luz sobre o resultado final, pois nos seus últimos tres encontros no Ángel Carro déronse unha vitoria local, un empate e un triunfo visitante.

Ante este escenario, o adestrador lucense, Rubén Albés, compartiu as súas impresión sobre o encontro nunha rolda de prensa que protagonizou na mañá de onte.

Por suposto, o cansazo e a influencia da acumulación de partidos centraron a comparecencia, e o preparador, que non é dos que xogan a ocultar as súas cartas, foi moi claro: "Non vou facer unha revolución". Con todo, e tras recoñecer que non "cre" nas rotacións, si que afirmou que non formará de inicio cos mesmos 11 homes que lograron o empate en Burgos.

Ademais fixo un chamamento á afección para que lles animen "como sexa": "Cando tes pouco tempo de recuperación, como é o caso, é o público quen nos impedirá sentirnos cansos".

Comentarios