O Lugo, a deixar (case) fechada a salvación

Unha vitoria hoxe ante o Fútbol Club Cartaxena podería ser decisiva
Outras restricións como a prohibición de comer ou beber tamén inflúen negativamente na asistencia. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Outras restricións como a prohibición de comer ou beber tamén inflúen negativamente na asistencia. (Foto: CD Lugo).

A pesar de que só conseguiu un triunfo nos últimos nove partidos, o Club Deportivo Lugo aínda ten na súa man vivir un final de tempada do máis tranquilo, e unha vitoria hoxe na casa ante o Cartaxena (21 horas) podería ser decisiva de cara á consecución do obxectivo final, que non é outro que a permanencia.

"Despois duns partidos difíciles, queremos sumar os puntos necesarios para salvarnos e estar máis tranquilos". Son verbas de José Ángel Carrillo, o máximo goleador albivermello (9), quen agarda que "co apoio da afección" o equipo sexa quen de demostrar que pode acabar a tempada 2021/22 "coa tranquilidade que non tivo noutros anos".

Non obstante, diante terá un rival tan irregular como perigoso, o Fútbol Club Cartaxena do segundo máximo goleador da categoría de prata, o veteranísimo Rubén Castro, que a pasada fin de semana ante o Real Oviedo rachou coa súa peor xeira anotadora en cinco anos, pois estivo oito partidos e 667 minutos sen marcar.

Instalados na décima posición con só catro puntos máis que un Lugo que é décimo sexto, a teórica igualdade fai prever un compromiso a cara de can, tal e como explicou Carrillo: "O Cartaxena ten xogadores suficientemente cualificados como para estar loitando por estar na zona alta da clasificación, así que teremos que competir de modo ambicioso para facerlles dano, facendo o mellor xogo posíbel para contrarrestar o seu fútbol".

Afortunadamente para o Lugo, o seu rival de hoxe, un conxunto deseñado para cotas máis altas, como apuntaba Carrillo -a prensa deportiva local aínda apunta a un play-off do que está a cinco puntos de distancia-, conta con sete baixas importantes entre lesións e sancións -Dauda, Silva, Luna, De la Bella...-, que obrigarán ao seu técnico, Luís Carrión, a realizar numerosos cambios con respecto aos seus onces máis recentes, e mesmo a introducir variantes tácticas ante as baixas de todos os seus laterais esquerdos, polo que o máis posíbel é que ocupe esa posición o novísimo xogador do Cartaxena B Juanpe, oportunidade da que podería sacar petróleo a liña ofensiva do Club Deportivo Lugo. 

400 boletos para o 'derbi dos Ancares'

O Club Deportivo Lugo informou de que xa están á venda os boletos para o seu seguinte encontro ligueiro tras o do Cartaxena, o coñecido como "derbi dos Ancares" coa Sociedade Deportiva Ponferradina, previsto para o domingo, 17 de abril ás 14 horas no Estadio do Toralín da capital berciana.

En total, a afección albivermella ten ao seu dispor 400 boletos a un prezo unitario de 25 euros cada unha, situadas nun dos sectores do fondo sur do feudo branquiazul. A venda, limitada a catro por comprador, realizarase unicamente no estadio Ángel Carro, no seu horario habitual de atención ao público até o día 13 como data límite de compra.

A Ponferradina non é un rival que historicamente se lle dea ben ao Club Deportivo Lugo, pois nos últimos cinco anos tan só conseguiu levar os tres puntos do Toralín na tempada 2019/20, cando se impuxo por 0-1. O precedente máis inmediato é o Lugo-Ponferradina do pasado mes de novembro, no que a escuadra visitante obtivo unha vitoria (1-2) tras desfacer o empate Sergi Enrich cun tanto no minuto 93.  

Comentarios