O Lugo buscará dar a sorpresa ante a inconsistente defensa do Almería

O Celta definirá obxectivos o domingo fronte ao Valladolid.
puma_lugo
photo_camera A velocidade do Puma Rodríguez ─na imaxe, contra o Logroñés─ pola esquerda será decisiva hoxe (CD Lugo)

O CD Lugo enfróntase mañá (18.15 horas) ao Almería coa intención de recuperar sensacións e volver sumar os tres puntos. Porén, será un encontro complicado para os de Medhi Nafti na súa visita ao cadro andaluz, un dos equipos máis potentes da categoría e que actualmente ocupa a terceira praza na clasificación. 

O técnico franco-tunisiano está a ser cuestionado por unha parte da afección lucense malia estar sete puntos por riba dos postos de descenso e invicto na casa desde a súa chegada. Nafti non poderá contar co inglés Arvin Appiah, que por contrato non pode xogar contra o Almería, nin con Hugo Rama, expulsado na xornada anterior fronte ao Logroñés.

O previsíbel é que manteña a liña defensiva dos últimos encontros coa parella de centrais xa consagrada de Djaló e Venancio e con Canella e Campabadal nos laterais. As dúbidas xorden no centro do campo. Coa baixa de Hugo Rama e o discreto partido de Cristian Herrera na última xornada, pode ser que aposte por fortalecer a zona de creación cun dobre pivote con Xavi Torres e Carlos Pita, ou ben por un destes dous acompañado de Fernando Seoane. 

O que parte como titular seguro, sexa como centrocampista puro ou lixeiramente adiantado, é Juanpe Jiménez, un dos grandes descubrimentos da tempada. 

A liña de ataque volverá estar composta polos dous extremos que mellor resultado deron ao Lugo nos últimos tempos. A velocidade e o desborde do Puma Rodríguez, pola esquerda, e Gerard Valentín, pola dereita. Manu Barreiro ─máximo goleador dos albivermellos─ buscará furar a porta almeriense, que ten na defensa un dos puntos débiles: leva case tres meses sen conseguir deixar a súa portería a cero.

Na conferencia de prensa de hoxe, o técnico franco-tunisiano cualificou o Almería como un equipo "moi agradábel de ver" e fixo fincapé na necesidade de acertar en defensa. "A pesar de non sufrir moito nos últimos partidos, levamos demasiado castigo ante Oviedo [3-1] e Logroñés [1-1]. Hai que tentar equivocarse aínda menos e facer un partido intenso, agresivo, sabendo o que hai enfronte. Temos que facer un partido moi completo se queremos gañar alí", manifestou.

O preparador albivermello considerou que "é máis probábel controlar e minimizar erros na túa área que controlar o acerto dos teus dianteiros e xogadores máis ofensivos", e afirmou que "a nivel mental" os xogadores están "ben".

Volve Iago Aspas

E o domingo ás 14 horas, o Celta recibe ao Valladolid nun partido que definirá, tanto se gaña como se perde, cales serán os obxectivos polos que competirá nestes meses finais da competición ligueira na Primeira División. Unha vitoria, e mesmo o empate, permitiríanlle alcanzar ou superar a barreira dos 30 puntos nesta 25ª xornada. Actualmente está a sete puntos dos postos europeos e a oito dos de descenso.

Coudet ─dentro das limitacións─ non xoga a especular, e volverá contar coa súa mellor baza para ir polo partido: a estrela celeste, Iago Aspas, regresa á convocatoria. Un detalle que vai tamén a favor da estatística, xa que o Celta non gaña sen o de Moaña desde hai dous anos.

O técnico arxentino tamén recupera o centrocampista Brais Méndez, cada vez máis importante no equipo. Por contra, non poderá contar por sanción con Nolito, deixando a porta do 11 aberta para Augusto Solari. Rubén Blanco tamén poderá disputar o partido, logo de serlle retirado o cartón vermello que viu ante o Valencia en Mestalla.

Comentarios