Lugo acollerá os Campionatos Galegos Universitarios de deportes

pAs tres universidades públicas galegas participarán con máis de 600 estudantes.
Partido de voleibol na edición realizada na Coruña en 2022 (Foto: UDC).
photo_camera Partido de voleibol na edición realizada na Coruña en 2022 (Foto: UDC).

Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos reunirán os vindeiros días 7 e 8 de marzo, en Lugo, máis de 600 estudantes das tres universidades públicas galegas, que competirán nun total de seis disciplinas deportivas: fútbol, fútbol sala, baloncesto, balonmán, rugby e voleibol, nas súas modalidades masculina e feminina. 

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade da Coruña (UDC)  iniciarán as competicións das distintas disciplinas o día 7 de marzo, a partir das 10 horas, en diversas instalacións deportivas da cidade amurallada.

As competicións terán lugar no Pazo Provincial, o pavillón do Seminario, a Casa do Deporte, o polideportivo do Palomar e o pavillón municipal, as pistas polideportivas Gregorio Pérez Rivera ou os campos de fútbol municipais das Gándaras. 

A competición rexerase polo formato de liga

A competición rexerase polo formato dunha liga entre os tres equipos que representan cada unha das tres universidades galegas. Ao remate de cada xornada de competición, o auditorio de Veterinaria acollerá os días 7 e 8, a partir das 16 horas, a entrega de medallas e trofeos aos participantes. 

Cuarta vez en Lugo

Este campionato galego universitario, un certame que recala por cuarta vez na cidade de Lugo, constitúe, segundo subliñou durante a súa presentación Antonio López, reitor da USC, "unha oportunidade excepcional para que deportistas de elite compitan e compartan experiencias con outros deportistas afeccionados". 

A edición anterior, realizada en 2022, tivo lugar nas instalacións da Universidade da Coruña tamén no mes de marzo. Na clasificación xeral quedara en primeiro lugar a UVigo, seguida da USC e no terceiro posto finalizou a UDC.

Comentarios