Lucas, adestrador do Burela FS: "As mulleres do Burela teñen fame por facer historia"

O de Iván Cao Valle (Cangas de Foz, 1982), máis coñecido no mundiño do fútbol sala como Lucas, é o exemplo de que non é necesario importar talento cando a Galiza é produtora neta de xente con aptitudes para brillar no deporte, como demostran as súas estatísticas á fronte do mellor equipo feminino de fútbol sala do planeta.
 
A escuadra da Mariña leva 999 días sen perder nin un só título. (Foto: Burela FS).
photo_camera A escuadra da Mariña leva 999 días sen perder nin un só título. (Foto: Burela FS).

Despois de levantar a Supercopa, salientaba vostede o feito de que as súas xogadores sigan tendo "fame", ese factor psicolóxico tan intanxíbel como determinante no deporte colectivo. Como mantén viva esa fame?

Iso é algo que está dentro delas. Son unhas xogadoras moi competitivas, que queren gañar a toda costa; nese sentido, o meu traballo é pouco, pois elas en cada tarefa que eu preparo demostran as ganas e a competitividade que teñen. Está claro que nós desde o corpo técnico tratamos de inculcala, pero é algo innato nunhas mulleres que teñen fame e seguen pulando non só por seguir gañando, senón por facer historia.

Falando de facer historia, o equipo está inmerso nunha incríbel dinámica gañadora. A pregunta que nos facemos todos, quizais por ese cainismo tan noso que gusta de ver caer os ídolos, é até cando será capaz o Burela de manterse na cima?

Agardamos que dure moito (ri). Pero, xa falando en serio, temos claro que chegará un momento en que non poderemos seguir gañando títulos deste modo, mais agardamos que iso tarde en acontecer e por iso imos pelexar, para que ese momento en que perdamos un título se adíe o máximo posíbel.  

Chegou onde está a pesar da súa xuventude e acumulando unha ampla traxectoria como home da casa. Lembra como e cando se produce a súa primeira chegada a Burela?

Eu levo toda a vida vinculado a este club. Primeiro no extinguido Cefire Burela, que foi onde empecei nas súas categorías inferiores, e a partir de aí como xogador subindo até o filial da Mariña FS, que acabaría tornando no Burela Fútbol Sala. A partir dese ano comecei a entrar nos corpos técnicos das categorías inferiores, sendo posteriormente auxiliar, segundo adestrador e primeiro, no que  estou a día de hoxe. 

Comezou como técnico cos rapaces, cos varóns, e hoxe adestra o equipo feminino máis importante do mundo. Foi complicada esa transición que fixo do fútbol sala masculino ao feminino? 

Son fútboles distintos, pero á vez iguais. A nivel físico hai unha superioridade masculina que non cabe dúbida sobre ela, pero salvada esa diferenza o deporte é o mesmo, é fútbol sala. Tamén acontece que no fútbol masculino levan xogando moitos máis anos e por iso está moito más profesionalizado, pero no feminino estamos a dar pasos, aínda que aparte do Burela hai moi poucos equipos que sexan profesionais. Ao final, tanto eles como elas son deportistas, e como tal hai que tratalos a ambos, para que siga crecendo o deporte e o proceso para que o fútbol sala feminino sexa profesional.

Que colectivo é máis difícil, ou máis complexo de dirixir, un masculino ou un feminino? 

Depende da esixencia. Antes de adestrar o Burela feminino eu estaba a traballar nun filial, a miña única esixencia era formar. Ao chegar a un Burela Fútbol Sala tes a necesidade de gañar e aí cambian as esixencias, as xogadoras teñen que entender que isto non é un hobby, que teñen un traballo onde nos pagan por gañar títulos e estar a disposición do adestrador para cumprir o que el diga... esa é a auténtica diferencia, a esixencia, moito máis alá de que sexa un grupo de homes ou de mulleres.

Como analiza ese progresivo proceso de profesionalización que se está a vivir no fútbol sala feminino estatal? 

Estamos dando pasiños, non moi grandes, pero estanse dando para chegar á profesionalización total.

Comentarios