Louzán saca un novo coello da chistera federativa: o fútbol a pé

O ex dirixente do PP integra a nova disciplina dentro da estrutura da RFGF.
Rafael Louzán vén de ser declarado culpábel por un tribunal de delitos como fraude e prevaricación. (Foto: Futgal).
photo_camera Rafael Louzán vén de ser declarado culpábel por un tribunal de delitos como fraude e prevaricación. (Foto: Futgal).

O fútbol a pé xa é deporte federado. A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), presidida por Rafael Louzán, acaba de integrar esta nova disciplina dentro da súa estrutura, nun movemento que pretende dar "o empurrón definitivo para o asentamento dunha modalidade que naceu en Cangas en decembro de 2019 e que ten clara vocación de ampliarse a outros puntos do territorio".

Isto significa que, de agora en diante, todos os xogadores e xogadoras de fútbol a pé contarán cunha mutualidade similar á de calquera futbolista federada, tendo ao seu dispor "todos os servizos médicos propios  e concertados, como clínicas, médicos, fisioterapeutas e outros especialistas".

Mais, en que consiste exactamente o fútbol a pé? Trátase dunha pintoresca variante do deporte rei "que naceu orientada a un público veterano" na que dous equipos de sete xogadores cada un disputan un encontro dividido en dúas partes de 20 minutos cada unha baixo a dirección dun colexiado que vela polo respecto dunha normativa que prohibe correr, que as xogadoras dean máis de tres toques ao balón antes de pasalo, as entradas -todas as recuperacións deben ser vía interceptación- e que non suban ao marcador os goles que se marquen sen que a totalidade das integrantes do equipo atacante estean en campo contrario.

A Segunda, o campionato máis aburrido de Europa

Un estudo do observatorio futbolístico CIES, no que se analizaron variantes como o tempo de xogo efectivo e o número de ocasións de gol por partido nos 36 principais campionatos do continente, concluíu que a Segunda División española, na que milita o Club Deportivo Lugo, é a liga máis aburrida de  Europa, pois unicamente se xogan 55 minutos e se materializan 8,7 tentativas de perforar a meta rival.

Comentarios