Louzán condiciona o regreso da selección a que "non teña repercusións negativas"

Após case catro anos de ausencia, a Real Federación Galega de Fútbol, por boca do seu presidente, recoñece que a Irmandiña podería volver "neste 2020 ou en 2021". Porén, Rafael Louzán condiciona ese retorno a unha serie de condicionantes e impedimentos, especialmente os "económicos", que poderían dilatalo aínda máis.  
 
00100_1000000366_IMG_8022
photo_camera Rafael Louzán, con Fernando Vázquez e Fernando Vidal no transcurso dunhas xornadas formativas da RFGF en Vimianzo. (Foto: RFGF)

Após case catro anos de ausencia, a Real Federación Galega de Fútbol, por boca do seu presidente, recoñece que a Irmandiña podería volver "neste 2020 ou en 2021". Porén, Rafael Louzán condiciona ese retorno a unha serie de condicionantes e impedimentos, especialmente os "económicos", que poderían dilatalo aínda máis.  

"Coa pelota nos pés e as cores patrias no peito, o xogador que encarna á nación marcha a conquistar glorias en afastados campos de batalla". Esta frase do defunto Eduardo Galeano representa como poucas a transcendencia de contar cunha selección nacional de fútbol na que un pobo con identidade e cultura propias se poida sentir representado.

É imposíbel negar que, como apunta o uruguaio, as identidades hoxe se constrúen sobre o verde dos terreos de xogo, e non sobre o vermello sangue dos campos de batalla. Un ollar retrospectivo sobre os éxitos do combinado español no período 2008-12, a esas fachadas incluso acuguladas até o exceso cromático coa bandeira roxigualda, dan fe de que o fútbol de seleccións é un inmellorábel axente nacionalizador.

Pero na Galiza, ese sitio distinto do que falaban Os Resentidos, van para catro os anos de ausencia da Irmandiña, doce segundo os máis puristas, que non recoñecen a selección galega naquel combinado de 2016 que substituíu a icónica camisola das franxas que configuraban a bandeira no peito dos xogadores por unha publicidade de Abanca. 

Agora, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, apunta nunhas declaracións aos compañeiros de Ao Contraataque, da Radio Galega, que está "traballando" nun retorno que "non é doado".

"A nivel deportivo temos, probabelmente, a mellor selección galega a nivel deportivo de toda a nosa historia, e por tanto queremos vela e vivir ese día de festa, mais a xente debe entender que é un proxecto que hai que facelo ben para que non teña repercusións negativas, sobre todo desde o punto económico", conclúe.

O calendario FIFA, un "obstáculo"

Ademais dos problemas económicos -a RFGF recoñeceu a Nós Diario que o custo dos tres encontros organizados polo bipartito “movíanse en cifras entre os 800.000 e o millón de euros”, mentres que o artellado baixo o Goberno de Feixoo en 2016 ante Venezuela foron “300.000”-, que se relativizan ante o continuo crecemento do orzamento da Secretaría Xeral para o Deporte -que en 2020 chegou aos 25,3 millóns de euros, 31% máis que en 2017-, Louzán aduce outro grande obstáculo para adiar o retorno da selección galega: o calendario.

"A experiencia que fixemos en maio do 2016 gustounos, pois no inverno ás veces faise complexo, pero o problema é que hai moi poucas datas libres no calendario FIFA, e máis este ano coa Copa América e a Eurocopa", explica o presidente do ente federativo. Ademais, recoñece contactos coa selección do Paraguai, dirixida polo ex técnico do Celta Eduardo Berizzo, e co conxunto nacional de Costa Rica.

Comentarios