Entrevista

Iria Pérez, futbolista do CD Lugo: "A loita polo fútbol feminino está a ser recompensada"

Da vila do Asma á cidade da muralla, do Sangoñedo á Cheda, de Chantada a Lugo. Iria Pérez, actual xogadora do Club Deportivo Lugo, que milita na primeira división feminina galega, atende 'Nós Diario' para tratar a súa xa distinguida carreira no deporte rei e todo o que queda por facer na normalización do fútbol feminino.
A futbolista natural de Chantada, Iria Pérez (Foto: cedida).
photo_camera A futbolista natural de Chantada Iria Pérez. (Foto: Cedida)

—Como foi a experiencia de pasar de xogar na S.D. Chantada a  un equipo máis profesional como o C.D. Lugo?
A primeira vez que se puxeron en contacto comigo para xogar no Lugo a verdade é que non o esperaba. Nunca me puxen metas de chegar a ningún sitio, sempre xoguei por pasalo ben. Cando comecei no Lugo si que me dei conta de que é todo moi diferente: a organización do club, a forma de preparar os adestramentos, os partidos... Hai diferenzas mais ao final o proceso de adaptación non foi demasiado difícil.

—A nivel competitivo tamén se nota a mudanza, non si?
Si, xógase contra equipos que teñen un ritmo moi alto nos partidos, a exixencia física é superior e a intensidade en xeral é máis grande.

—Vivir do fútbol é algo moi complicado. No seu caso persoal, fíxoselle difícil compatibilizar a práctica do deporte a un alto nivel cos estudos? 
Fácil non é porque loxicamente compatibilizar estudos, traballo e deporte xa só polo tema dos horarios faise moi difícil. Eu estou estudando e ter que desprazarme até Lugo para adestrar tamén o noto porque ao final dedico catro horas e media da miña xornada ao fútbol. 

Digamos que no fútbol feminino o que se fai máis complicado son os desprazamentos porque xa desde categorías moi baixas, ao haber menos equipos, as viaxes para os partidos son xeralmente máis longas.

—Como ve a situación do fútbol feminino na Galiza?
Respecto aos meus inicios si que vexo unha mudanza abismal para mellor. Cando comecei co fútbol non imaxinaba xogar nun equipo que non fose de fútbol 7 como moito. Agora hai fútbol 11, máis equipos e mesmo categorías inferiores, o cal é moi boa noticia. 

Vexo que cada vez máis rapazas se animan a practicar este deporte e agora teñen máis facilidades para facelo do que había antes. O traballo que fixeron moitas mulleres que loitaron polo fútbol feminino estase vendo recompensado. 

—Que queda por facer?
Sempre quedan cousas por facer, este é un camiño moi longo  e falta moito por avanzar. De todas as formas, eu estou moi contenta pola visibilidade que está gañando o fútbol feminino  mais si, temos que seguir consolidándonos, con pasos firmes e que realmente nos permitan ter unha progresión estábel.

Mesmo no mundo dos bancos, está comezando a haber cada vez máis mulleres adestradoras que transmiten os seus coñecementos sobre este deporte a rapazas máis mozas, algo que tamén é moi boa noticia. 

—Fala de adestradoras. Vostede xa tivo experiencia nos bancos na súa etapa na S.D. Chantada. Como valora esa experiencia e pensa repetila nun futuro?
Moi positivamente. Apréndese moito e pódese ver a evolución dun equipo. Si que me gustaría retomar a actividade como adestradora nun futuro, mais é certo que para facelo ben é preciso dedicarlle moito tempo e esforzo e iso é algo que actualmente non podo facer. 

Non me gusta comprometerme a algo e despois estar a medias polo que agora mesmo é unha idea que teño 'apartada'. Si que teño intención de seguir aprendendo para o día de mañá retomalo con forza e poder transmitir os meus coñecementos e facelo dunha maneira correcta. É certo que moitas veces teño esa espiña no corpo e apetéceme estar nun banco dirixindo un grupo de xogadoras ou xogadores, con todo, aínda son máis xogadora que adestradora.

O obxectivo: Gozar o día a día

A humildade é unha característica ben apreciábel na personalidade de Iria Pérez. A pesar de xa ter chegado lonxe no arduo camiño do fútbol, a xogadora chantadesa asegura que o seu obxectivo principal é "gozar do día a día xa que nunca me propuxen chegar a onde estou actualmente neste mundo. Digamos que foi algo que foi xurdindo polo que decidín non pór metas a longo prazo".

Coñecer o lugar que cadaquén debe ocupar na faceta da vida que for, é, sen dúbida, tamén moi importante, e Pérez parece saber moi ben en que momento da súa carreira se encontra para alén de recoñecer os logros que xa ten conquistados como futbolista: "Prefiro ir paso a paso e tomar as decisións cando as teña que tomar. Creo que o logro principal para calquera futbolista xa o conseguín, que é gozar deste deporte e pasalo ben cada vez que xogo un partido".

Comentarios